Stellantis lidera un proxecto galego que senta as bases do vehículo do futuro: Facendo Plus

mércores, 12 de xuño do 2024 S. P.

Este martes 11 presentouse en Vigo Facendo Plus, un proxecto colaborativo de investigación e desenvolvemento experimental que contará cun investimento total de 19,5 millóns de euros dirixidos a impulsar a competitividade industrial de Galicia no sector do automóbil. Está liderado por Stellantis e conta coa participación da Universidade de Vigo, dos centros tecnolóxicos CTAG, Aimen, EnergyLab e Gradiant, xunto con varias empresas.
Organizado en torno a catro liñas de traballo: fábrica do futuro, vehículo do futuro, conectividade e sostenibilidade, Facendo Plus dá continuidade aos proxectos Factoría 4.0 e Facendo 4.0, nos que tamén participou activamente a institución académica viguesa e que desde 2016 materializaron un investimento próximo aos 170 millóns de euros, financiamento que se traduciu, entre outros froitos, no rexistro de preto de medio cento de patentes.
A presentación celebrouse na factoría viguesa do consorcio automobilístico e nela interviñeron o novo director de Stellantis Vigo, José Luis Alonso Mosquera; o reitor da UVigo, Manuel Reigosa; a conselleira de Economía e Industria, Mª Jesús Lorenzana; o director xeral do CTAG, Luis Moreno, e o xefe técnico do proxecto, Juan José Areal.
Tal e como se explicou na presentación, Facendo Plus (Competitividade Industrial e Electromobilidade a través da Innovación e a Transformación Dixital Plus) ten como principal obxectivo avanzar na competitividade industrial, xerar innovación tecnolóxica e impulsar a cadea de valor no sector de automoción de Galicia, involucrando a centros de coñecemento, Universidade de Vigo e as pemes Unimate, SFC Solutions, Probotec e Merasys.
No ámbito da Fábrica do Futuro preténdese xerar novo coñecemento sobre procesos produtivos, flexíbeis, coa mínima pegada de carbono, para a fabricación de vehículos eléctricos.
En relación co Vehículo do Futuro estudaranse novos sistemas e interfaces conectadas e intelixentes que permitan o desenvolvemento de innovadores produtos e dispositivos para as futuras gamas de vehículos eléctricos e conectados.
En materia de Conectividade e Infraestrutura IT investigaranse e avaliaranse as tecnoloxías asociadas á conectividade, o IoT (Internet das Cousas) e a computación na nube (cloud) para mellorar as prestacións (dispoñibilidade, seguridade, automatización, axilidade) e a competitividade da infraestrutura IT que achega servizo aos procesos e produtos.