Steve Jobs presentou as novidades de Apple na reprodución multimedia

mércores, 9 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Que hoxe foxe un día curioso no noso calendario por ser 9 do 9 do 2009, non se lle escapou á xente de Apple, que decidiu aproveitar a data para facer unha presentación na que, entre outras cousas, darían a coñecer o iTunes 9; pero iso quedou só como unha anécdota eclipsada polo feito de que Steve Jobs volveu á escena, facendo unha estelar aparición na que se lle vía extremadamente delgado, ante o que explicou que recibiu un transplante de fígado e instou aos asistentes a facerse doadores de órganos, tras o que tamén agradeceu os seus compañeiros por ser quen levou o temón da compañía nestes momentos tan difíciles.
Durante o evento, deuse a coñecer unha renovación do catálogo de reprodutores multimedia de Apple, coma os iPod shuffle, o iPod nano e o iPod Touch (que xunto co iPhone tamén recibirá nova versión do seu firmware).

O iPod nano incorpora gravación de vídeo

iPod shuffle

O reprodutor máis cativo de Apple recibiu hoxe novidades relativas ao seu prezo e ás súas cores, de xeito que agora pode mercarse en negro, gris metalizado, rosa, azul e verde, en capacidades de 2 e 4 Gb a 55 e 75 euros respectivamente, contando tamén cun modelo de 4 Gb rematado en aceiro inoxidable pulido que só pode adquirirse a través da web da compañía por 95 euros.

iPod nano

O reprodutor portátil de Apple que máis cambios experimentou foi sen dúbida o iPod nano, que destaca especialmente por incorporar a posibilidade de gravar vídeo H.264 a 30 fps cunha resolución de 640 x 480 e audio AAC. Loxicamente, para a gravación de vídeo tamén conta con micrófono, que pode utilizarse para tomar Notas por voz; tampouco falta a prestación VoiceOver e as mesturas Genius, inclúe podómetro e sorprende por converterse no primeiro reprodutor de Apple en integrar sintonizador de radio FM (ata o momento a radio era un accesorio externo). A radio FM do iPod nano tamén conta coa función de Pausa en Directo, de xeito que podemos deixar de escoitar un programa en directo para retomalo onde o deixamos e non perder así nin un minuto do mesmo (sempre que a pausa non supere os 15 minutos).
No tocante ao seu prezo, o iPod nano de 8 Gb venderase a 139 euros, mentres que o modelo de 16 Gb queda en 169 euros.

iPod Touch

O iPod Touch continúa a explotar o seu último deseño, con controis de volume no lateral esquerdo, altofalante integrado, compatibilidade con Nike+, unha autonomía de ata 36 horas con música e 6 horas con vídeo, e agora, uns novos prezos, de xeito que o modelo con 8 Gb de capacidade venderase a 179 euros, pero agora tamén estarán dispoñibles modelos de 32 e 64 Gb a 269 e 359 euros respectivamente, incluíndo estes últimos auriculares con mando e micrófono (para aproveitar a aplicación de Notas por voz e a nova funcionalidade de Control por voz).
Pero deixando as prestacións do reprodutor a un lado, dende Apple insistiron moito en que a plataforma iPod Touch/iPhone é totalmente válida para os videoxogos, podendo competir de igual a igual coa PSP de Sony e a Nintendo DS. Aproveitaron o momento para presentar os xogos Assasin’s Creed 2 de Ubisoft, Riddim Ribbon de Tapulous e Nova de Gameloft.

Novo firmware 3.1 para iPhone e iPod Touch

Os usuarios do iPhone agradecerán a chegada desta actualización de balde do firmware 3.0 (que no caso do iPod Touch custará 3,99 euros) que incorpora melloras na estabilidade xeral, o uso de Genius na App Store para recomendar aplicacións semellantes á que xa teñamos descargado e mesmo a posibilidade de adquirir tons de chamada directamente dende o móbil.

iTunes 9

O reprodutor multimedia de escritorio de Apple tamén evoluciona, e os seus cambios son consecuencia principalmente da evolución da tenda musical que leva o seu nome. Así, o iTunes 9 incorpora unha nova función chamada iTunes LP que pretende replicar o concepto do álbum musical, de xeito que ao mercar discos completos, poderá contarse coas letras das cancións con animacións especiais, información adicional, vídeos e fotografías dos artistas e outros contidos que poderán decidir os autores.
Tamén mellora a sincronización de dispositivos, permite navegar nas bibliotecas de iTunes de ata 5 ordenadores no mesmo domicilio, acolle un novo deseño da iTunes Store, crea de xeito automático mesturas Genius e incluso engade a posibilidade de compartir música da tenda de Apple en Facebook e Twitter.


Steve Jobs comentou que recibiu un transplante de fígado

PUBLICIDADE