StoreDot presenta baterías de móbil que poderían cargarse en só 2 minutos

xoves, 8 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Un dos grandes problemas dos smartphones actuais é sen dúbida a súa reducida autonomía, e como un interesante xeito de abordar esta eiva no CES de Las Vegas está a verse a tecnoloxía desenvolvida por StoreDot, unha nova empresa que amosou un cargador rápido que nas demostracións realizadas era capaz de levar até o 100% da súa capacidade á batería dun Samsung Galaxy S5.
Dende StoreDot recoñecen que para conseguir tal avance teñen que sacrificar a vida da batería, ou sexa, que aínda que a batería se cargue completamente, a súa carga non se mantería durante moito tempo, pero ao poder cargarse en menos de 2 minutos, a molestia de ter que recargar o teléfono unha ou dúas veces ao día non sería un problema.
Esta empresa buscou abordar o problema dun xeito diferente ao habitual, de xeito que en vez de intentar incrementar a capacidade das baterías, centrouse en reducir o seu tempo de carga, para o que tiveron que redeseñar as súas estruturas internas.
Aínda que nesta primeira etapa están a desenvolver esta tecnoloxía aplicándoa a smartphones actuais, a idea sería que a integrasen directamente os fabricantes, o que podería incrementar o prezo dos terminais nuns 50 dólares, esperándose que poidamos ver produtos con esta tecnoloxía dentro dun par de anos.
Dende StoreDot non se están a centrar só na aplicación da súa tecnoloxía en smartphones, senón que tamén agardan poder abordar outros ámbitos de aplicación no futuro como os vehículos eléctricos, onde as baterías están a ser o seu principal reto, e poder cargar a batería dun coche en minutos en vez de ter que empregar horas podería ser unha solución máis que convincente para adoptar tal tecnoloxía. O director xeral de StoreDot, Doron Myersdorf, asegura que xa teñen prototipos do seus sistema de recarga que podería aplicarse a baterías dun coche eléctrico de Tesla, que poderían cargarse en só 3 minutos, e que poderían ser unha realidade comercial nun ano.

PUBLICIDADE