Street Fighter IV adáptase ao iPhone

martes, 16 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

A publicación especializada IGN vén de sorprender a moitos afeccionados aos xogos de loita ao confirmar que Capcom está a preparar para o mes de marzo o lanzamento dunha versión do xogo Street Fighter IV para o iPhone (e o iPod Touch), que adaptaría o título para PC, Xbox 360 e PlayStation 3 aos terminais portátiles de Apple, conservando os seus gráficos modelados en 3D cunha mecánica de xogo 2D, mestura que converteu a este xogo en todo un éxito que pode considerarse coma o mellor do seu xénero durante os últimos anos (nos que rexurdiron grandes sagas desta categoría).
O Street Fighter IV para iPhone terá un cadro de loitadores diferente á súa versión doméstica, estando confirmados os clásicos Ken e Ryu, pero asegurando Capcom que mesturará personaxes clásicos e novos, e incluso incorporarán un modo multixogador a través de Bluetooth.
Haberá que agardar a probar o xogo para ver se os seus controis virtuais sobre a pantalla táctil do iPhone permiten unha boa experiencia de xogo (o que resulta difícil de crer) pero esta nova creación podería abrir a porta a que o Street Fighter IV salte tamén á PSP, plataforma que ao contar cuns controis físicos facilitaría o uso deste tipo de títulos (coma demostraron as distintas entregas para esta consola portátil da saga Tekken).

PUBLICIDADE