Street Fighter IV chegará a móbiles Android da man de LG

luns, 19 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Tras unha excelente adaptación do xogo Street Fighter IV ao iPhone (e máis recentemente á Nintendo 3DS) dende LG aseguran ter chegado a un acordo con Capcom para poder vender en exclusiva (durante 3 meses) unha versión deste popular xogo de loita para os primeiros móbiles Android con pantalla HD (1.280 x 720 píxeles), de xeito que tamén confirmarían a nova tendencia nas pantallas para móbiles con Android (máis de 4 polgadas e HD a 720p).
Este lanzamento serviría en boa medida para demostrar as posibilidades das novas pantallas HD nos móbiles, pois teñen que coidar os contidos de alta definición para que os usuarios sexan conscientes do avance que supón esta mellora de resolución nos seus terminais.
Dende LG aseguran que o concepto de Street Fighter chegará sen perder un ápice da súa esencia a Android, no que podería ser un éxito seguro para esta plataforma, xa que esta franquía xa vendeu preto de 30 millóns de xogos ata o momento, e mesmo inspirou películas, series de televisión e comics, deixando claro que a súa base de seguidores é moi sólida.

PUBLICIDADE