Street Fighter V fuxirá das revisións de pagamento

luns, 20 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos Capcom veu como a súa sona como estudio de videoxogos ensombreceuse pola súa teima de inzar os seus xogos de contidos descargables de pagamento, dando a impresión de que comercializaba os seus xogos incompletos para logo aproveitarse dos seus usuarios, pero con Street Fighter V podería iniciar un camiño de redención, xa que durante a celebración de EVO 2015 anunciaron que van iniciar unha nova estratexia a este respecto. Para comezar, a copia inicial do xogo en disco será o único disco que haberá que posuír para poder gozar do mesmo; os axustes de sistema e o seu balanceo serán elementos que se recibirán de balde; e todos contidos posteriores ao lanzamento que teñan algo que ver coa xogabilidade poderán desbloquearse de balde xogando.
Deste xeito, incluso será posible desbloquear novos personaxes xogando, non tendo que pasar sempre por caixa, e evitando que os usuarios teñan que andar a adquirir as actualizacións Super ou Ultra como aconteceu co Street FIghter IV, cambio de política que é de agardar que dispare as vendas iniciais de Street Fighter V, xa que os seareiros do xénero non terán a tentación de agardar a unha revisión do mesmo con contidos adicionais para facerse cunha copia.
Street Fighter V, que esta semana inicia a beta do seu multi-xogador para PlayStation 4 (na que inicialmente teremos a Ryu, Chun-Li, Nash e M. Bison, ao que o día 25 sumaránselles Cammy e Birdie), contará cun cadro de 16 xogadores, dos que 4 serán completamente novos no universo de Street Fighter, aos que sumaranse moitos máis nos meses seguintes ao lanzamento e, aínda que espérase que estean dispoñibles mediante pagamento, tamén serán desbloqueables, xa que o xogo adoptará un sistema económico no que poderase conseguir xogando unha serie de cartos virtuais (Fight Money) que permitirá a compra de contido, aínda que os que queiran desbloquear material de inmediato poderá mercar Zenny (unha moeda premium) con cartos reais

Zecalli, un novo e salvaxe loitador

Capcom tamén aproveitou o EVO 2015 para anunciar un novo personaxe para Street Fighter V, Necalli, un loitador salvaxe e cun estilo de combate animal que será claramente ofensivo, con numerosos ataques a curta distancia, que sorprenderá podendo entrar nun estado temporal no que canaliza unha misteriosa enerxía que muda a súa cor de cabelo e permítelle realizar novos ataques sorprendentes.

Necalli poderá entrar nun modo especial de xeito temporal no que o seu cabelo muda de cor


Tráiler de presentación de Necalli

PUBLICIDADE