Street Fighter celebra o seu 25º aniversario cun documental

luns, 2 de setembro do 2013 Marcus Fernández

O 30 de agosto de 1987 foi unha data histórica para os amantes dos xogos de loita, pois foi cando se estreou a primeira máquina recreativa de Street Fighter, e aínda que a saga non conseguiu notoriedade ata a chegada de Street Fighter II en 1991, estamos ante unha data digna de mencionar, posto que a pasada fin de semana a franquía cumpriría 25 anos, o que están a celebrar de distintos xeitos entre os que podemos destacar a rebaixa durante un par de semana dos xogos para iOS Street Fighter IV, Street Fighter IV VOLT e Street Fighter II Collection por só 0,89 euros cada un e a estrea dun documental titulado I Am Street Fighter, que podemos ver de balde en YouTube.
O documental fai unha achega aos xogos de Street Fighter amosando as súas distintas faces que levaron a convertelo nun fenómeno cultural, contando coa participación do principal produtor da saga, Yoshinori Ono; de distintos profesionais que contribuíron no deseño dos distintos xogos; e mesmo de xogadores profesionais que destacaron nesta franquía de xogos de loita (como Justing Wong e Daigo Umehara). Polo momento o documental só está dispoñible con voces en inglés e subtítulos en inglés (cando falan en xaponés), pero non sería de sorprender que xurdiran subtítulos noutros idiomas nos vindeiros días.


Documental íntegro publicado co gallo do 25º aniversario de Street Fighter

Os xogos da franquía para iOS estarán de oferta durante un par de semanas

PUBLICIDADE