Super Talent lanza unha unidade USB 3.0 dende a que é posible correr Windows 8

luns, 18 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Super Talent Technology anunciou recentemente unha nova unidade USB 3.0 modelo Express RC4 que acadou certificación para utilizar a funcionalidade Windows To Go (que permite iniciar unha edición corporativa de Windows 8 directamente dende unha unidade externa de alta velocidade), chegando esta unidade en tamaños de 32, 64 e 128 Gb de capacidade a prezos de 74,99, 127,99 e 279,99 dólares respectivamente (56,12, 95,82 e 209,62 euros), todas cun tamaño de só 92,7 x 25 x 8 milímetros.
Estas unidades son compatibles con USB 2.0, pero de contar con USB 3.0 poderemos aproveitar plenamente a velocidade destas memorias, que mediante o uso de 4 canles NAND Flash conseguen velocidades de lectura de 240 Mbytes/seg. e 100 Mbytes/seg. de escritura, que aínda será mellor no modelo Express RC-8, que chegará máis adiante, e con 8 canles conseguirá velocidades de 270 Mbytes/seg. de lectura e 240 Mbytes/seg. de escritura.


Vídeo no que demostran que coas novas unidades de Super Talent pódese iniciar Windows 8 en menos de 10 segundos

PUBLICIDADE