Superhot para Oculus Quest supera o millón de unidades vendidas

xoves, 25 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

O equipo detrás do xogo Superhot publicou un artigo facendo un repaso dos 5 anos de vida deste orixinal xogo no que temos que superar distintos retos xogando cun concepto moi orixinal: hai que matar aos inimigos aproveitando as armas e obxectos que atopemos no contorno valéndonos dunha especie de superpoder que consiste en que o tempo só se move cando nos movemos nós, o que permite pensar os movementos a realizar para completar con éxito cada escenario.
Este xogo en primeira persoa conseguiu grande éxito de público e crítica, pero o feito de que se lanzasen versións en realidade virtual convertérono en todo un imprescindible, xa que é un dos mellores xeitos para introducirse no uso de cascos de realidade virtual, o que constataríase ao recoñecer os responsables do xogo que venderon máis dun millón de unidades para Oculus Quest, aínda que para concretar poderiamos chegar a asegurar que a meirande parte destas copias compraríanse especificamente para Oculus Quest 2, casco autónomo e sen fíos que está a converterse no dispositivo de referencia para gozar da realidade virtual, disparando as vendas de numerosos xogos entre os que está Superhot VR.
Pese a que o casco Oculus Quest 2 destaca por ser autónomo, o feito de que tamén poida empregarse en PC está a ter un impacto importante na realidade virtual en ordenadores persoais, de xeito que en Steam sería o segundo dispositivo de VR en uso, co 17,4% do mercado, só detrás de Oculus Rift S, co 23,4% do mercado.

PUBLICIDADE