Susana de la Sierra aposta pola plena inclusión da IA nas administracións, pero “dirixida polas persoas”

xoves, 20 de febreiro do 2025 S. P.

A xurista e catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de Castela-A Mancha, Susana de la Sierra ofreceu a conferencia A Intelixencia Artificial e control das Administracións Públicas, celebrada na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago. No seu transcurso destacou a importancia do uso da Intelixencia Artificial nas administracións mantendo sempre a decisión nas persoas.
Esta actividade formativa, na que participaron máis dun cento de empregados públicos, encádrase no ciclo de conferencias Cuestións de actualidade no ámbito da Administración pública, da súa organización e do seu funcionamento organizado pola Escola.
A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, presentou a conferencia e incidiu na importancia da formación dirixida ao persoal empregado público en materia de IA, xa que esta tecnoloxía “permitirá mellorar o modelo de relación das administracións públicas coa cidadanía, a través do uso de datos que optimizarán os servizos prestados e a fiabilidade na toma de decisións”.
Pola súa banda, a catedrática Susana de la Sierra expuxo os diferentes usos e utilidades das ferramentas intelixentes no sector público nos eidos da actividade informativa, transcrición de textos, infraccións e inspección (Tráfico, Axencia Tributaria e Seguridade Social), asignación de recursos ou subvencións, sanidade e procesos selectivos, entre outros.
Na súa intervención salientou que a maior porcentaxe do uso da IA aplícase no proceso de toma de decisións e na elaboración de políticas públicas axeitadas. “A Intelixencia Artificial é un instrumento moi útil no sector público, cos seus riscos, pero a decisión ten que estar sempre nas persoas. O ser humano sempre ten que levar as rendas e, ademais, ser logo responsábel da decisión adoptada”, subliñou.
A xurista tamén explicou os diferentes tipos de Intelixencia Artificial: a computacional e a xenerativa, así como os perigos de exclusión que pode xerar a aplicación desta tecnoloxía na actualidade cando unha persoa non ten acceso a un ordenador ou non conta con competencias dixitais pola súa idade, entre outros motivos. Susana de la Sierra analizou o marco normativo actual, o regulamento europeo da IA, as leis xerais e sectoriais e os sistemas de control externo e interno do seu uso, tanto o sistema administrativo de gobernanza como o control xudicial e as súas necesarias adaptacións.
Tamén sinalou a necesidade dun cambio na organización interna das administracións. “É preciso incorporar medidas ambiciosas dentro das entidades públicas para que sexan organizacións máis modernas. Coa IA desaparecerán postos de traballo pero crearanse novos”. Neste sentido, avogou por equipos mixtos, é dicir, funcionarios tradicionais que sexan capaces de tramitar expedientes e colaboren cos informáticos para a incorporación dos sistemas de Intelixencia Artificial nas administracións públicas.
Tamén manifestou que estas tecnoloxías son “ferramentas para abordar as fendas dixitais e facerlles fronte co obxectivo de facilitar a inclusión social”. Neste sentido, segundo a xurista, o estado social dixital maniféstase dun xeito máis intenso e para iso “é preciso emprender as políticas públicas necesarias, cun orzamento axeitado, co fin de cumprir o marco constitucional vixente”.