TADEGa celebrará os seus dez anos de andaina con tres grandes citas tecnolóxicas

xoves, 10 de agosto do 2017 Fernando Sarasketa

A asociación TADEGa, colectivo galego a prol das novas tecnoloxías diversas e inclusivas, está a celebrar este ano 2017 o seu décimo aniversario como asociación (foi constituída como tal en 2007, establecéndose xa dende ese intre o seu firme compromiso a prol de non deixar a ninguén fóra da Sociedade do Coñecemento). Para celebralo, os seus integrantes queren rematar o ano convocando unha serie de festexos-actividades.
O roteiro de celebracións comezará en outubro, entre o 20 e o 21, da man da quinta edición do Congreso TADEGa (décimo aniversario), que se vai celebrar na Facultade de Educación da Universidade da Coruña baixo o lema Destino: inclusión educativa e dixital e desenvolvendo o seu programa a través de múltiples obradoiros, todos eles co nexo común de abrir novos vieiros para facilitar a chegada e afianzamento de tecnoloxías para todas e todos, dende as escolas até os ámbitos académicos e profesionais.
A segunda parada será a oitava convocatoria co Congreso TecnoNEEt, que se celebra entre o 30 de novembro e o 2 de decembro, en Murcia, xirando arredor da tecnoloxía accesíbel e inclusiva e facendo fincapé nos logros e nos desafíos que esta loita a prol da accesibilidade implica.
A terceira parada será a segunda edición do II Startup Weekend EDU Galicia, previsto para os días 15, 16 e 17 de decembro, en Santiago, baseándose boa parte do seu programa en mostrar as achegas máis innovadoras das nosas novas empresas en materia de novas tecnoloxías aplicadas ao ámbito docente.

PUBLICIDADE