TAG Heuer anuncia un smartwatch inspirado en Super Mario

martes, 13 de xullo do 2021 Marcus Fernández

O clásico fabricante de reloxos TAG Heuer sorprende hoxe anunciando un smartwatch de edición limitada coa imaxe de Super Mario, que presenta un deseño lúdico baseado no célebre personaxe de Nintendo, que se deixa notar tanto no reloxo (con correas, coroa e bisel con elementos de Mario) como no seu software, contando con esferas exclusivas e incluso con animacións para ir indicando o seguimento da actividade física do usuario (ou sexa, o reloxo anima a estar activos de xeito que case podemos ver a Mario como un adestrador persoal).
Este divertido reloxo funciona con Wear OS by Google, é compatible con Google Pay para realizar pagamentos contactless, permite facer uso do tradutor de Google, integra o asistente de Google, é resistente á auga, conta con monitorización cardíaca, inclúe GPS e a súa batería de 430 mAh debería ser dabondo para manter a súa autonomía durante todo o día.
Esta versión do reloxo TAG Heuer Connected terá unha edición de só 2.000 unidades, de aí que o seu prezo vaia ser bastante elevado, vendéndose a 2.150 dólares a partir do vindeiro xoves ás 10:00 horas. O fabricante non adiantou o prezo en euros.

O novo reloxo de TAG Heuer terá unha edición de só 2.000 unidades

Vídeo promocional do novo reloxo de TAG Heuer

PUBLICIDADE