TCL prepara un teléfono que pode dobrarse para converterse en smartwatch

luns, 18 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

JPEG - 35.2 KB
O FlexPai conseguiu ser o primeiro, pero cun resultado moi decepcionante

Hai uns meses Royole presentou o FlexPai, o primeiro smartphone con pantalla encartable do mundo, que actualmente pode mercarse por a partires de 1.388 euros, pero non deixa de ser un produto pouco maduro que non ten posibilidades de callar entre o público. Porén, o resto de fabricantes quixeron tomar posicións, e ao igual que espérase que este mércores Samsung presente ao mundo o seu móbil flexible tras presentar os novos Galaxy S10, están a chegar informacións doutros fabricantes que avanzan na mesma liña como TCL.
Este fabricante chinés, responsable de marcas como BlackBerry e Alcatel, estaría a traballar en varios dispositivos con pantallas flexibles, concretamente en 2 tabletas, 2 smartphones e un teléfono flexible que podería curvarse até transformarse nunha especie de smartwatch, segundo puido verse en imaxes dunhas solicitudes de patente.
Polo que podemos ver nas imaxes, as tabletas dobraríanse coa pantalla cara dentro ou cara fóra (dando a impresión de que están a explorar ambas opcións para ver cal é a preferida finalmente polo consumidor), ao igual que tamén acontecería cos smartphones, mentres que a grande sorpresa sería o dispositivo que tomaría forma de reloxo de pulso, xa que semella o produto máis futurista e que podería supor unha revolución no mundo dos wearables de conseguir achegar prestacións interesantes e minimamente cómodo, algo que non saberemos até que estes trebellos sexan unha realidade.
TCL estaría a demostrar que os produtos con pantallas flexibles poderían ir máis aló dos teléfonos, e son moitas outras liñas de produto as que poderían beneficiarse da utilización de pantallas flexibles. Nos vindeiros meses veremos moitos prototipos e ideas de concepto que explorarán esta tecnoloxía de futuro e que poderá trunfar en ámbitos moi diversos.

PUBLICIDADE