TCL prepara unha nova tableta con vocación de caderno

mércores, 31 de decembro do 2025 Redacción

TCL presentou en Kickstarter o TCL Note A1 NXTPAPER, un caderno dixital que busca combinar a comodidade visual do papel coa versatilidade dun dispositivo Android. A campaña de micromecenado lanzarase en breve, e permitirá facerse cun destes prometedores trebellos con pantalla NXTPAPER Pure de 11,5 polgadas, deseñada para reducir reflexos e luz azul ao tempo que mantén unha resposta táctil rápida.
A proposta de TCL pretende situarse nun espazo intermedio entre os lectores electrónicos tradicionais e as tabletas convencionais, apostando por unha experiencia de escritura máis natural sen renunciar á cor nin á fluidez dun panel LCD.
O Note A1 NXTPAPER chega acompañado do lapis T‑Pen Pro e dun conxunto de funcións orientadas á produtividade: transcrición en tempo real, recoñecemento de fórmulas, conversión de escritura manual a texto e ferramentas de resumo baseadas en intelixencia artificial. A marca tamén destaca a presenza de oito micrófonos para captación de voz, unha cámara de 13 Mpíxeles para escaneo de documentos e 256 GB de almacenamento interno.
Aínda que TCL non ofrece cifras concretas de autonomía, equipa o dispositivo cunha batería de 8.000 mAh para compensar o maior consumo respecto dos sistemas baseados en tinta electrónica. Este produto de 500 gramos de peso e 5,5 milímetros de grosor prevé chegar ao mercado no mes de febreiro a un prezo de venda oficial de 549 dólares (aínda que é de esperar importantes descontos para quen o adquira a través de Kickstarter), e entre as súas especificacións destaca o feito de que contará con menús en galego, polo que podemos entender que recoñecerá axeitadamente o que escribamos na súa pantalla na nosa lingua.