TELEA monitoriza os tratamentos antiacoagulantes de máis de 500 pacientes galegos

xoves, 27 de xuño do 2024 S. P.

Un total de 580 pacientes de tratamentos anticoagulantes xa son monitorizados pola plataforma tecnolóxica de Teleasistencia Domiciliaria do SERGAS (TELEA). Así o informou este xoves 27 de xuño o director xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS, Alfredo Silva Tojo, na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego.
En resposta a unha pregunta dos grupos da cámara, o responsábel sanitario explicou que a profilaxe e o tratamento dos eventos tromboembólicos precisa de continuos controis dos tempos de protrombina, un dato que habitualmente se expresa mediante o Cociente Internacional Normalizado (INR), e que garante que os niveis de anticoagulación sexan os máis axeitados
Así, subliñou que o Servizo Galego de Saúde xa facilitou un total de 580 coagulómetros a pacientes galegos, posibilitando que estes usuarios poidan controlar os seus niveis de coagulación desde o fogar, e “evitando con isto desprazamentos innecesarios aos centros de saúde”.
Durante a súa intervención, Silva Tojo explicou que estes dispositivos permiten que os usuarios realicen as súas puncións nos domicilios, ao tempo que posibilita rexistrar os datos de control na plataforma TELEA, para a súa posterior revisión por parte dos profesionais do Servizo Galego de Saúde.

PUBLICIDADE