TRedess leva a Tailandia os seus transmisores Fourth Series para TDT
martes, 21 de marzo do 2017
A empresa de Santiago TRedess,
centrada na fabricación de transmisores e reemisores de Televisión
Dixital Terrestre (TDT), vén de ser elixida polo operador estatal
tailandés TBPS para abordar o primeiro treito da segunda fase de
dixitalización do país. A participación de TRedess materializarase
co fornecemento de case medio cento de quipos de media e baixa
potencia de 1 quilowatts (kW). O proxecto, en colaboración coa
integradora de sistemas local Planetcomm, implica a subministración
e posta en marcha de 33 estacións (46 transmisores DVB-T2 integrados
en armarios) de potencias 200 W, 400 W, 600 W e 1 kW da gama Fourth
Series, así como os servizos de formación FAT (aceptación en
fábrica) e SAT (aceptación en sitio).
- Posta en marcha do centro de dixitalización de Chiang Khong Station (en Chiang Rai Province)
Segundo informa a empresa compostelá, a gama Fourth Series inclúe transmisores e reemisores (gapfillers) para os estándares DVB-T, DVB-T2 e ISDB-T, tanto para redes MFN como SFN. “Estas solucións”, engade TRedess, caracterízanse “pola súa fiabilidade, modularidade e flexibilidade de configuración, así como por ser doadas de instalar, manter e empregar”. A firma tamén explica que a devandita gama está dotada tecnoloxía Ultra Wide Band Doherty (que garante unha moi alta eficiencia cubrindo toda a banda de UHF co mesmo HW amplificador) e as solucións inclúen unha “interface web moi intuitiva” e máis o sistema DEEC de TRedess, “considerado o mellor eliminador de ecos do mercado”.