Tablet chinés con controis de videoxogo

luns, 26 de decembro do 2011 Marcus Fernández

O Xperia Play de Sony Ericsson demostrou que os móbiles con Android podían converterse en consolas de videoxogos portátiles, e levando ese concepto a un tamaño máis grande temos agora o JXD S7100, un MID con Android 2.2, que proponse como unha opción atractiva para o lecer electrónico ao combinar unha pantalla táctil capacitiva de 7 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles e botóns físicos a xeito de cruceta a ambos lados da pantalla (así como un pequeno stick), de xeito que poderían gozarse dos xogos para Android co pantalla táctil, mentres que os títulos adaptados e numerosos emuladores para gozar de xogos clásicos poderían controlarse tamén cos botóns do trebello.
Estariamos así ante a mestura dun tablet de pequeno tamaño cunha consola para xogos retro, que funciona cun procesador ARM Cortex A9 con aceleración gráfica 3D, 512 Mb de RAM, Wi-Fi N, cámaras de 0,3 e 2 Mpíxeles e saída de vídeo HDMI, conectividade USB 2.0. Ten unhas medidas de 328,5 x 11,7 x 12,35 milímetros, pode empregarse para visualizar ficheiros PDF, TXT, HTML, JPEG, BMP, PNG... acceder a vídeos de YouTube (e outros servizos de vídeo en liña), consultar o correo electrónico e as máis populares plataformas de redes sociais e, especialmente, para executar xogos para Android, xogos optimizados para móbiles Sony Ericsson, e xogos clásicos de máquinas recreativas e consolas como a PlayStation orixinal, a Nintendo 64, a Game Boy Advance ou a SEGA Megadrive. De feito, anúnciase como un dispositivo que permite gozar de xogos como King of Fighters 97, Metal Slug, Fruit Ninja, Mario Kart 64, Mario 64, Cadillacs and Dinosaurs, San Goku Shi, In the hunt, Plants vs Zombies, Angry Birds, Samurai II, Ninja Rush, Wave Blacer e Asphalt 5.
Algunhas tendas en liña xa venden este dispositivo a un prezo de 139,99 dólares (107,09 euros).


O dispositivo chinés en acción

Xogos de recreativa como King of Fighters 97 poden empregarse na JXD S7100
A emulación da Nintendo 64 está á altura deste curioso dispositivo con Android 2.2
Ao funcionar con Android, o JXD S7100 tamén pode correr xogos para pantalla táctil como Fruit Ninja ou Plants vs Zombies

PUBLICIDADE