Tagen Ata recíbenos de volta ao traballo cun completo feixe de cursos de balde

martes, 15 de setembro do 2015 Redacción

A empresa galega Tagen Ata, centrada no ensino e nos recursos tecnolóxicos abertos, vén de presentar un máis que completo feixe de accións formativas baixo a óptica de coñecemento sen atrancos e con vistas a cubrir, formativamente, a tempada docente outono-inverno. En total, trátase de seis novos cursos en liña, algúns de balde e outros con prezos accesíbeis, dirixidos ao público en xeral e achegando flexibilidade de abondo como para adaptárense aos diferentes ritmos e horarios dos destinatarios.
Tagen Ata, cooperativa emprazada en Narón, sinala que o obxectivo destas actividades teñen o obxectivo de animar, con aprendizaxe actualizada, o sempre complexo proceso de volvermos ao traballo.
A continuación damos conta dos cursos preparados, un por un.
· Escribir en Internet, do 23 de setembro ao 21 de outubro. Gratuíto.
Trátase de aprendermos a escribir documentos para logo ser expostos na Rede. A actividade baséase no seguinte feito: redactar para a Internet é unha tarefa que forma parte xa da rutina diaria de milleiros de persoas. Amosaranse técnicas para captar a atención de xeito rápido, manter unha correcta distribución do texto, a corrección, a claridade. Tamén se nos ensinará a redactar de xeito lexíbel o contido dunha web e a mellorar os nosos textos.
· Inglés-Galego actualízate, do 23 de setembro ao 28 de outubro.
Comezaremos a dar os nosos primeiros pasos na lingua inglesa con este curso de nivel básico dirixido ao alumnado que desexe adquirir coñecementos elementais de inglés. A actividade centrarase tamén en introducir algunhas nocións gramaticais e de vocabulario para ir construíndo unha base sobre a afianzar progresos. Tirarase proveito da diversidade “que nos ofrece o contexto das linguas e do plurilingüismo”.
· Prevención de riscos TIC, do 21 de outubro ao 21 de novembro. Gratuíto.
Con esta actividade docente revisaremos os principais trastornos que podemos sufrir se traballamos coas TIC, as súas causas e as recomendacións para evitalos. Introducirásenos nos riscos ligados ao espazo de traballo, nos riscos asociados ao equipo laboral, nos conceptos sobre hixiene postural e na fatiga mental vinculada ao espazo no que traballamos.
· Docentes e-learning, do 21 de outubro ao 19 de decembro.
Este curso ten como obxectivo principal transmitir as competencias necesarias para desenvolver as tarefas de titoría en liña. Deste xeito, adquiriranse as habilidades propias da teleformación e os coñecementos tecnolóxicos e pedagóxicos imprescindíbeis para enfrontarnos á titorización do alumnado nas plataformas de e-learning.
· Introdución á LOPD, do 26 de novembro ao 21 de decembro. Gratuíto.
Este curso está orientado sobre todo a que a empresa ou entidade cumpra coas obrigas establecidas na Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD). Segundo informa Tagen Ata, a gran cantidade de datos que manexan as empresas esixe o coñecemento de certas pautas de control e seguridade. E engade: “Para as empresas é fundamental que o conxunto dos seu empregados, cando menos do ámbito funcional da dirección e administración, manexen os coñecementos e as destrezas básicas para a protección de datos de carácter persoal”.
· Imaxe e vídeo: edición en software libre, do 26 de novembro ao 27 de xaneiro.
Neste curso coñeceremos as diferentes aplicacións de tratamento de imaxe e edición de texto e vídeo en software libre para mellorar as competencias dixitais á hora de enfrontarnos ao aspecto gráfico das nosas comunicacións. Achegarásenos ás principais funcionalidades do GIMP como ferramenta de manipulación e creación de imaxes e coñeceremos as principais funcionalidades do programa de autoedición Scribus. Tamén haberá marxe para afondarnos na aplicación de debuxo vectorial Inkscape, e tamén nas ferramentas básicas que ofrece OpenShot para a edición de vídeo.

PUBLICIDADE