Taito prepara unha mini-recreativa cos seus xogos clásicos

luns, 7 de xuño do 2021 Marcus Fernández

A febre do retro e das consolas en miniatura levou a que Taito anunciase o lanzamento (inicialmente para o Xapón) da Egret II Mini, unha especie de máquina recreativa de tamaño reducido que destaca fronte a dispositivos semellantes por un par de novidades: o mando está incluído nun mando intercambiable (polo que podemos substituír a panca de control ordinaria por un trackball) e a súa pantalla LCD de 5 polgadas en relación 4:3 pode rotarse (o que permite un mellor aproveitamento da pantalla para xogos que orixinalmente utilizaban a disposición vertical da pantalla, como eran boa parte dos xogos de disparos).
O deseño da Egret II Mini está inspirado no moble dunha máquina recreativa que albergaba xogos de Taito nos anos 90, cun formato moi compacto para poder xogar case en calquera lugar, e contando con conectividade para poder gozar dos xogos preinstalados en pantalla grande por HDMI ou gozando do modo para 2 xogadores conectando un mando adicional por USB (venderán mandos externos con panca ou con cruceta).
A máquina chegará precargada con 40 xogos con títulos como Space Invaders, Bubble Bobble, Rastan Saga, Rainbow Island Extra, New Zealand Story, Qix, Lunar Rescue ou Elevator Action, e co módulo que inclúe un trackball inclúense unha tarxeta de memoria que incluirá xogos con este método de control (Arkanoid, Strike Bowling, Plump Pop, Syvalion, Cameltry e Arkanoid Returns).
Esta curiosa máquina recreativa en miniatura sairá á venda o 2 de marzo de 2022 a un prezo de 18.678 iens (140 euros), podendo adquirirse por separado ou en distintos lotes os accesorios opcionais custando 49.478 iens (372 euros) o lote máis completo (que incluso conta coa banda sonora dos xogos en CD).

Vídeo promocional da Egret II Mini

PUBLICIDADE