Talentgal atraerá 40 investigadores doutorais internacionais a Galicia

luns, 25 de maio do 2026 S. P.

A Xunta de Galicia busca atraer 40 investigadores posdoutorais internacionais para a Rede CIGUS, que agrupa os centros das universidades galegas de excelencia. Trátase do novo programa Talentgal, unha iniciativa estratéxica de captación e consolidación de talento co “obxectivo de posicionar a Galicia Calidade como un dos grandes polos europeos de I+G+i”, segundo explicou a Consellería de Educación e Ciencia, que vén de abrir a primeira convocatoria de Talentgal, na que se seleccionarán os 20 primeiros investigadores de alto nivel.
Este proxecto, para o que Galicia acadou financiamento no marco do programa europeo Marie Sklodowska-Curie (MSCA) Cofund, posibilitará polo tanto a contratación de 40 científicos para que leven a cabo labores de investigación en áreas especializadas nos centros máis prestixiosos das nosas universidades públicas. Os novos profesionais que se incorporen aos centros CIGUS poderán centrar as súas investigacións en áreas clave para Galicia como biotecnoloxía, medicina, química, nanomateriais, TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), enxeñería ambiental ou ciencias mariñas e físicas, entre outras.
Talentgal conta cun investimento de máis de 11 millóns de euros. Nesta primeira convocatoria seleccionaranse 20 persoas que desenvolverán a súa carreira nun dos dez centros da Rede CIGUS. A segunda convocatoria está prevista para 2027 e permitirá incorporar outros 20 científicos excelentes.
Os profesionais seleccionados accederán a contratos competitivos e contornas de investigación de excelencia, así como a un programa integral de desenvolvemento profesional que inclúe formación avanzada, mentoring personalizado e estadías internacionais en universidades, empresas e administracións públicas.