Talentia Summit’19 contará coa participación de máis de cen empresas

xoves, 17 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

A semana que vén, o emprendemento e a innovación van ser protagonistas. A culpa disto tena o encontro Talentia Summit’19, que se celebra do 21 ao 23 de outubro en Compostela, co Palacio de Congresos e o Auditorio de Galicia como principais centros de operacións, e contando coa participación activa de máis de 100 empresas.
Estes e outros datos foron confirmados hoxe na sala de prensa de Raxoi, no transcurso dunha rolda que contou coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; acompañado por Xabier Ferreiro, director e coordinador do evento; e por Bea García Cibe. Segundo sinalaron, o foro promete ser un fervedoiro de firmas potencialmente contratadoras e xente nova potencialmente contratábel: só na primeira xornada, a do luns (o foro de conferencias estratéxicas que se desenvolve no Auditorio), están inscritas 900 persoas.
O alcalde explicou que en Santiago o 70% da poboación adulta menor de 30 anos é universitaria ou ten estudos superiores, polo que “solicita expectativas laborais á altura da súa formación”. Neste senso, dixo, Talentia ofrece á xuventude esa oportunidade, “procurando a cooperación e o entendemento entre empresas, emprendedores e persoas que buscan o seu futuro”. O rexedor tamén lembrou que Compostela é, xunto a Arteixo, “o concello que conta con máis solo empresarial”. Na súa opinión, “hai espazo para a gran aposta de futuro: emprendemento e innovación, en campos como a biotecnoloxía, ou a industria cultural”.
Beatriz García Cibeiro, que exerceu de mentora na edición anterior de Talentia, salientou as altas expectativas do evento, que “debera ser unha cita necesaria e obrigatoria para as persoas que están buscando emprego e para quen quere emprender”.
Represas, pola súa banda, enxalzou o labor levado polos mentores, de gran importancia para a afianzar a conexión entre demandantes e contratadores: “Orientamos ás persoas sobre a súa futura carreira profesional e ás empresas axudámolas na resolución dos problemas que se lles poidan presentar.
Para rematar, Xavier Ferreiro destacou as cifras de participación do evento: máis de 1.000 vacantes ofertadas; uns 900 asistentes confirmados na xornada inaugural do Foro Talentia; máis de 1.200 inscritos nas actividades da Feira do Talento, en cursos de formación, mentoring persoal, certificados oficiais, entre moitas outras. E un centenar de empresas presentes na Feira do Talento, durante os días 22 e 23 de outubro.
Programa de actividades
Talentia Summit ´19, promovido desde o Concello de Santiago, iníciase o luns 21 coa apertura de conferencias estratéxicas ás seis da tarde no Auditorio de Galicia. O martes e mércores celebrarase a Feira do Talento, con actividades para a potenciación do talento e o emprego, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. Estará aberta ao público durante toda a xornada do martes de 9:30 a 19:30 horas, e o mércores desde as 9:30 até as 14:00 horas.
Segundo se fixo saber hoxe, “esta edición porá o foco en como afecta a transformación dixital ás persoas e tamén no compromiso social empresarial cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) acordados pola ONU no marco da Axenda 2030”. Por este motivo, na xornada inaugural, o Foro Talentia de relatorios estratéxicos reunirá os grandes referentes do talento, a tecnoloxía e a administración de empresas nunha única xornada: Miguel Ángel Ruíz Ortega, responsábel de Estratexia e Innovación en Samsung; Sonia Mulero, directora da Fundación Banc Sabadell; Paul Tran, director de Recursos Humanos de Hijos de Rivera; Federico Buyolo, director xeral da Oficina da Alta Comisionada para a Axenda 2030 das Nacións Unidas; José Luís Pérez-Pla, consultor e director en Cegos e responsábel da Escola de Excelencia Comercial de Telefónica; Jaime de Nardiz Pérez, director de Diagnóstico Cultural de Great Place to Work; e Javier Sirvent, evanxelista tecnolóxico.
O acto será conducido por Silvia Jato e contará con presenza das seguintes autoridades institucionais; Nadia Calviño, ministra de Economía e Empresa en funcións; Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia e Xosé Manuel Bugallo, alcalde do Concello de Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE