Talentia Summit 2020 acelera a transformación dixital contra a COVID-19

xoves, 26 de novembro do 2020 S. P.

Este venres 27 de novembro pecha as súas portas, virtuais desta volta, o evento Talentia Summit‘20, a feira virtual de emprego de referencia que resultou a edición máis seguida con máis de 43.000 usuarios activos e 300.000 visitas a páxinas.
Emporiso, será mañá cando o dito evento chegue ao seu fin mediante o Foro estratéxico de clausura, que terá lugar en directo vía streaming ás 18 horas a través da web Talentiasummit.com e o cal xa conta con máis de 2.000 usuarias e usuarios rexistrados. A organización convida a realizar o rexistro previo para recibir información ampliada e notificación do comezo do evento. Informar que a clausura do Talentia contará coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e do ministro de Ciencia e Innovación Pedro Duque, que participará de xeito telemático.
Cómpre salientar que esta edición do Talentia Summit tivo que mudar de formato e adaptarse aos novos tempos que corren, que por mor da situación sanitaria actual provocada pola pandemia mundial da COVID-19, pasou a ser unha feira virtual de emprego. Con acceso en liña para os múltiples servizos que achega esta feira, esta converteuse nun punto de encontro dixital entre empresas, organizacións e un público comprometido co desenvolvemento do talento e o emprego. Dende Talentia subliñan o éxito desta convocatoria e fano mediante cifras: 300.000 páxinas vistas da web dende a apertura da inscrición, 43.000 usuarias e usuarios, 2.500 usuarias e usuarios nos cursos de formación, 3.000 citas virtuais coas empresas presentes para entrevistas de traballo e 800 sesións de mentoring e orientación laboral.
As empresas amosaron o seu interese e apoio ao evento, compartindo información da feira a través da súa web e redes sociais. Un dos puntos fortes de Talentia Summit son as ofertas de emprego activas que publicaron as máis de 80 empresas e centros de investigación participantes nesta edición. Foron moitas inscricións nas máis de 300 ofertas de emprego, para un total de 700 postos de traballo.
E indo ao acto de mañá, este consistirá nun foro de conferencias estratéxicas no que participarán expertos-as, que dende os seus sectores exporán como superar a incerteza na actualidade. As conferencias serán as seguintes: Juan Carlos Alcaide, experto en experiencia cliente falará da Actitude para superar a incerteza. María José Alonso (Catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC e adscrita ao CiMUS), coa conferencia Misión C19. A ciencia ao servizo dunha vacina. Joaquín "Kin" Martínez (codirector do festival "O Son do Camiño" e presidente da Federación ES Música), compartirá o devir dun sector tan afectado por esta crise como o cultural en O cambio de paradigma do sector cultural. Alberto Rodríguez Boó (Managing Director de Alda Hotels) compartirá como é e será O renacer do sector turístico. E Margarita Álvarez (fundadora de Working for Hapiness e expresidenta do Instituto Coca-Cola da Felicidade), intervirá coa conferencia Deconstruíndo a felicidade en tempos de incerteza.
Engadir, por último que a clausura do Talentia Summit será presentada pola xornalista Marga Pazos e contará co punto musical da cantante grovense Carolina Rubirosa.

PUBLICIDADE