Talentia Summit recibiu máis de 60.000 visitas na feira virtual
mércores, 20 de novembro do 2024
Talentia Summit, a feira de emprendemento innovador do Concello de Santiago, pechou a súa edición de 2024 con éxito. A organización explicou que este ano “a feira de talento e emprego superou todas as expectativas, con máis de 60.000 usuarios e usuarias e con 376.000 páxinas vistas ao longo dos días do evento”. Ademais fixéronse máis de 1.100 entrevistas con centros de ofertas de emprego e houbo case 2.500 currículos intermediados.
O Talentia Summit deixa neste 2024 cifras récord que consolidan a feira, organizada desde a Concellaría de Emprego. Así, a plataforma da feira virtual tivo máis de 60.000 visitantes, con 376.000 páxinas vistas nos días do evento; e cubríronse 3.349 prazas nos cursos en liña e nas certificacións. Na feira participaron case un cento de empresas que realizaron máis de 1.100 entrevistas, e a través de Talentia foron intermediados preto de 2.500 currículos. Tamén se realizaron 300 reservas en citas de mentoría personalizada e orientadoras laborais.
O Concello lembrou que un dos grandes momentos do evento foi o Foro Talentia, que se celebrou o pasado día 12 no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, e no que participaron expertos en talento, innovación e transformación dixital. Participaron Javier Vidaurreta (KPMG), Cristina F.-Armesto (Casa Grande de Xanceda), Águeda Ubeira (Vanetta Food), Pablo Rodríguez González (Hack a Boss), David Ryan Glowacki (investigador do CiTIUS), e Luz Castro Pena (Imaxin Software). Os asistentes puideron reflexionar sobre os desafíos do mercado laboral e como a tecnoloxía e a innovación poden ser ferramentas para construír un futuro máis inclusivo e adaptativo.
En canto á feira, “consolidouse como espazo de formación e desenvolvemento profesional”, explicou o Concello, salientando a celebración de cursos online e certificacións tecnolóxicas en colaboración con institucións como Oxford e LinkedIn Learning. Este ano destacou a proposta do Talentia IT Skills Program, con formación en áreas clave como a Intelixencia Artificial, a ciberseguridade ou a programación, respondendo á demanda de perfís tecnolóxicos no mercado laboral. “A oferta formativa estivo pensada especialmente para o público novo, reafirmando tamén o compromiso coa igualdade e a sostibilidade”, destacou o Concello.