Talentia Summit recupera o seu formato presencial con formación, mentoring e entrevistas

luns, 13 de novembro do 2023 S. P.

O Palacio de Congresos de Santiago acolle este luns 13 de novembro a feira de talento e emprego de Talentia Summit, impulsada polo Concello, que recupera o seu formato presencial “para atender mellor a demanda tanto das empresas como das persoas inscritas”. Así o fixo saber a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, que visitou as instalacións, onde se están desenvolvendo diferentes cursos, entrevistas de traballo, e tamén accións de mentoring.
Segundo engadiu, máis de 300 persoas participaron nos cursos de formación ofertados en Talentia Summit, a maioría deles en colaboración coa Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre e tamén da man de Creativas Galegas. Estas actividades presenciais abordaron diferentes temáticas, desde manipulación de alimentos ata mercadotecnia dixital, pasando por paquetería creativa, técnicas de venda, ou uso de aplicacións móbiles para a procura de emprego.
Ademais, no Palacio de Congresos habilitáronse espazos para que algunhas empresas puideran realizar entrevistas de traballo presenciais, e outros para mentoring e orientación laboral.
Ata o próximo venres continuará a feira virtual de Talentia Summit, cunha ampla oferta formativa para a que xa se esgotaron as prazas dispoñíbeis nos cursos de formación 100% en liña para a súa realización por libre.
A web talentiasummit.com ten superando os 25.000 usuarios e usuarias únicas, e a través dela xa foron intermediados máis de 700 currículos.

PUBLICIDADE