Talentos Inclusivos (CITIC), Premio AMTEGA ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais

venres, 20 de outubro do 2023 S. P.

O proxecto Talentos Inclusivos do Centro de Investigación TIC (CITIC) recibe este venres 20 de outubro o Premio AMTEGA ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais por parte do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), entregado na Noite Galega das Telecomunicacións. Como recordaremos, o proxecto está impulsado polo CITIC, ASPACE Coruña e o Concello da Coruña, co apoio do Consello Social da UDC e promovido pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación e a Xunta de Galicia.
Unha historia de recoñecementos, participación e éxitos
A tecnoloxía ao servizo das persoas coa finalidade de lograr unha sociedade máis inclusiva. Este é o obxectivo de Talentos Inclusivos, un proxecto referente do CITIC da UDC que desde a súa posta en marcha hai tres anos obtivo o recoñecemento institucional e social e tamén do sector das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Ata o momento, recibiu cinco premios, aos que se vén a sumar o que lle entrega o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia: o Premio AMTEGA ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais.
De feito, mellorar a vida das persoas mediante a aplicación da tecnoloxía é o principal reto ao que se enfrontan os estudantes que participan neste proxecto. Desde a posta en marcha de Talentos Inclusivos, máis de 500 estudantes solucionaron 19 retos propostos polas persoas usuarias de ASPACE Coruña. Uns desafíos que engloban aspectos diversos da vida cotiá, que van desde programas para facilitar a comunicación ata alternativas para o lecer, de rehabilitación ou solucións para o fogar.
“Todo o que se constrúe e fai desde o mundo tecnolóxico debe ter en conta a diversidade da nosa sociedade. Este é un principio compartido polo CITIC e a Universidade da Coruña, como se demostra a través de iniciativas como esta”, explica Javier Pereira, subdirector do CITIC e investigador principal de Talentos Inclusivos.
Na mesma liña, os responsábeis de ASPACE Coruña destacan que os “grupos de traballo que se crean en Talentos Inclusivos móstranse moi interesados en coñecer a realidade das persoas con parálise cerebral e, ao mesmo tempo, espértanse no alumnado as vocacións científicas ao buscar solucións aos retos propostos a través da tecnoloxía e a innovación”.
Impulsar vocacións
Precisamente, outro dos piares nos que se asinta o proxecto Talentos Inclusivos é o de espertar as vocacións tecnolóxicas entre os estudantes de Secundaria, co valor engadido de saber que as solucións TIC que desenvolven están pensadas para un colectivo concreto. De feito, “cada ano o alumnado esforzase en que os retos sexan aínda máis funcionais, sempre tendo en conta os gustos e preferencias do grupo de traballo de ASPACE Coruña”, explican desde a entidade.
Outro feito que tamén inflúe na evolución do proxecto é “que o primeiro ano algúns centros expuxérono como unha actividade extraescolar, pero nas dúas últimas edicións xa se incorporou ao currículo escolar, encaixándoo nas materias de Tecnoloxía ou Ciencias”, engade Javier Pereira.
Botón do pánico
Un dos obxectivos que busca Talentos Inclusivos é facilitar actividades da vida diaria, o que permitiu nas tres edicións anteriores a creación por parte dos estudantes de obxectos tales como mandos adaptados para a televisión, un soprador de velas ou adaptacións en Impresión 3D para a escritura. En cada edición, propóñense varios retos, algúns relacionados co lecer, como eixo importante da vida. Para a edición 2023-24 exporanse novos desafíos para seguir mellorando a calidade de vida das persoas con parálise cerebral.
Concretamente, tal e como adiantan desde ASPACE Coruña este ano propoñerase un “botón do pánico”, unha solución para chamar a emerxencias cando persoas que non teñan comunicación verbal estean soas ou nun apuro.