Talentos Inclusivos (CITIC), Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global
luns, 25 de maio do 2026
O proxecto Talentos Inclusivos, impulsado desde o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, que forma parte da Rede CIGUS, vén de ser distinguido co Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global, un recoñecemento promovido pola Coordinadora Galega de ONGD co apoio da Xunta de Galicia.
Con este galardón, o proxecto acada xa un total de once premios desde a súa creación no ano 2020, “consolidando así o seu impacto no ámbito da innovación educativa, a sensibilización social e a promoción dunha cidadanía crítica e comprometida”, salientou o CITIC, lembrando que o Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global recoñece iniciativas pedagóxicas que fomentan valores vinculados á xustiza social, a sustentabilidade, a igualdade e a participación activa da comunidade educativa.
Deste xeito, a convocatoria distingue experiencias desenvolvidas en centros educativos e universitarios galegos que contribúen á construción dunha cidadanía global solidaria e responsable.
Desde o CITIC destacan que este recoñecemento “supón un impulso para seguir desenvolvendo proxectos que integren tecnoloxía, educación e compromiso social, achegando o coñecemento científico e tecnolóxico aos grandes retos globais”.
E engaden: “Reafirmamos así o noso compromiso coa transferencia de coñecemento e co desenvolvemento de iniciativas innovadoras que contribúan a xerar un impacto positivo tanto no ámbito educativo como na sociedade”.
O Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global celebra este ano a súa cuarta edición e está dirixido a docentes e equipos educativos de centros e universidades galegas.
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, e que conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC; o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia.
O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (siglas de Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos formulados por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, estudantes de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia deberán buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Roja A Coruña.
Talentos Inclusivos tamén conta co apoio de persoas voluntarias de Inditex, que ofrecen asesoramento no desenvolvemento dos retos.
