Talentos Inclusivos V achegou 59 solucións para mellorar a vida das persoas con discapacidade

mércores, 11 de xuño do 2025 S. P.

O Edificio Fontán, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, acolleu na mañá deste 11 de xuño o acto de clausura da V edición do programa Talentos Inclusivos, unha iniciativa impulsada polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da Universidade da Coruña, en colaboración con ASPACE Coruña, cuxo principal obxectivo é “fomentar a inclusión de persoas con discapacidade a través de retos tecnolóxicos e creativos desenvolvidos por centros educativos galegos”.
Segundo fixeron saber dende o CITIC facendo balance da quinta convocatoria, nesta edición os 15 centros participantes desenvolveron un total de 59 solucións tecnolóxicas dirixidas a mellorar a vida cotiá de persoas con parálise cerebral. Estes retos foron propostos por usuarios e profesionais de entidades como ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e o Centro de Formación Profesional de Cruz Vermella A Coruña, e abordados por alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, en colaboración con persoal investigador do CITIC.
Entre as solucións presentadas destacan propostas como ramplas portatis adaptadas, taboleiros electrónicos didácticos, mecanismos para facilitar o descanso con mans estiradas, mantas de peso con luces, canastras para piscina, timbres sen fíos con premedor, adaptacións en impresión 3D para obxectos cotiáns e videoxogos educativos inclusivos.
O evento de clausura reuniu este mércores 11 e xuño a máis de 450 persoas, entre estudantes, docentes, persoas con discapacidade, investigadores e institucións colaboradoras, consolidando a Talentos Inclusivos como “un referente na promoción da ciencia inclusiva e a concienciación social desde as aulas”, salientou o CITIC.
Desde primeira hora, os centros participantes procedentes de distintos puntos de Galicia expuxeron os seus proxectos ante o público. A xornada continuou cunha visita libre á exposición, unha xincana interactiva para fomentar o intercambio entre asistentes e un sorteo de dous premios.
Ás 12.00 horas celebrouse a chegada das autoridades, quen participou nunha foto de familia e realizaron unha visita guiada polos expositores acompañados por Javier Pereira, subdirector do CITIC. Durante o percorrido, fíxose entrega de diplomas de participación como recoñecemento ao compromiso e esforzo de cada centro.
Na súa intervención, o director do CITIC, Manuel G. Penedo, quixo destacar o impacto do programa: “Talentos Inclusivos demostra que a tecnoloxía tamén pode ser unha ferramenta de xustiza social. Que estudantes, persoas con discapacidade e persoal investigador traballen xuntos en retos reais, con resultados concretos, é a mellor maneira de fomentar unha sociedade máis inclusiva e consciente. Este programa une vocación científica, compromiso social e educación de calidade”.
Cinco anos impulsando a inclusión desde a ciencia e a tecnoloxía
Con cinco edicións xa celebradas, Talentos Inclusivos promoveu o desenvolvemento de máis de 70 solucións tecnolóxicas reais, espertando vocacións STEM entre a mocidade galega e consolidando a colaboración entre o sistema educativo, a comunidade científica e o tecido social.
Na edición deste ano, o proxecto involucrou a máis de 500 persoas, entre estudantes e persoas con discapacidade, nun proceso de co-creación tecnolóxica con impacto real na vida cotiá das persoas beneficiarias.
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, e que conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC; o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia a través das Consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Política Social e Igualdade.
O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, estudantes de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia, terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña.