Talentos Inclusivos do CITIC consolídase como referente europeo no Science on Stage Festival
xoves, 4 de xuño do 2026
Un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) participou recentemente no Science on Stage Festival 2026, celebrado en Klaipėda (Lituania), onde presentou diversas iniciativas desenvolvidas no marco do proxecto Talentos Inclusivos, unha proposta do CITIC que promove a inclusión social e educativa de persoas con discapacidade a través da tecnoloxía.
A representación do CITIC estivo integrada por Javier Pereira, investigador principal do proxecto, e Irene Brage, responsable de proxecto, que deron a coñecer diferentes desenvolvementos tecnolóxicos creados dentro do proxecto e compartiron experiencias con docentes e investigadores procedentes de toda Europa.
A participación neste encontro internacional foi unha realidade trala selección de Talentos Inclusivos por parte do xurado de Ciencia en Acción, que elixiu unicamente cinco proxectos para representar a España no festival, entre os gañadores das súas últimas edicións.
Durante a feira, o equipo mostrou varias solucións tecnolóxicas orientadas a mellorar a accesibilidade e a participación de persoas con discapacidade, entre elas Licornio, un dispositivo de apoio para a interacción con ferramentas dixitais; un taboleiro de pictogramas sobre emocións; videoxogos adaptados desenvolvidos en Scratch; e diversas adaptacións para facilitar o control de mandos de Nintendo Switch.
Ademais, a participación en Science on Stage serviu para dar visibilidade internacional a EDIGIT, proxecto Erasmus+ que constitúe a expansión europea de Talentos Inclusivos e que ten como obxectivo fomentar a educación dixital inclusiva mediante a colaboración entre centros educativos, entidades sociais e organizacións de distintos países.
O Science on Stage Festival reúne cada dous anos a docentes e profesionais da educación STEM de toda Europa para intercambiar boas prácticas, recursos innovadores e experiencias educativas que contribúan a espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado.
Segundo explicaron dende o CITIC, a presenza do centro da UDC neste foro internacional reforza o recoñecemento de Talentos Inclusivos como “unha iniciativa de referencia no ámbito da tecnoloxía inclusiva” e pon en valor o traballo colaborativo entre investigadores, centros educativos e entidades sociais “para construír solucións tecnolóxicas con impacto real na sociedade”.
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, e que conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC; o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia.
O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, estudantes de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia, terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña.
