Tarxetas de memoria ampliables para a Xbox 360
martes, 19 de maio do 2009
Os usuarios da Xbox 360 que
mercaran o modelo máis básico da consola, con só 256 ou 512 Mbytes para o
almacenamento das súas partidas (o que normalmente é máis que suficiente)
atopan un problema para ampliar a capacidade da súa consola, pois só podía
mercar outras tarxetas de memoria de reducido tamaño ou dar o paso a caros
discos duros (de entre 20 e 120 Gb que normalmente están á venda por prezos de
entre 99 e 129 euros) o que cambia agora grazas a Datel, fabricante que vén de
lanzar tarxetas
de memoria para a consola de Microsoft con 2/4 Gb de capacidade ampliable
mediante tarxetas microSD de ata 16 Gb, o que parece unha alternativa
cómoda e barata aos discos duros e que incluso permitiría a realización de
copias de seguridade dende un PC.
Estas novas tarxetas de memoria non só multiplican as posibilidades da Xbox 360
(xa que permiten que, aparte de cargar partidas, poida utilizarse para a compra
de contidos descargables do Bazar de Xbox LIVE, habitualmente vetado para os
usuarios sen disco duro) senón que tamén resultan máis baratas, pois unha
tarxeta oficial de 512 Mb custa uns 43,95 euros, mentres que as de Datel de 2 e
4 Gb véndense a 39,99 e 49,99 dólares (28,62 e 35,96 euros respectivamente).