TechKids chega esta semana á Fonsagrada, Xunqueira de Ambía, Carballedo e Ames

luns, 22 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) queren sacar proveito á confluencia entre as vacacións de verán e a divulgación tecnolóxica para rapazada. Con este motivo, organizan estes meses de verán (de xullo a setembro) un completo programa (TechKids) de xornadas de robótica, pilotaxe de drons, creación de apps e videoxogos e animación 3D. Esta semana o programa métese en faena.
Estes luns e martes temos unha xornada sobre robótica nas aulas CeMIT da Fonsagrada (luns 22) en Xunqueira de Ambía (martes 23). Logo será a quenda do obradoiro sobre pilotaxe de drons (nas aulas CeMIT do Carballedo, o mércores 24, e de Ames, o venres 26).
Os mozos e mozas interesados en participar nestas xornadas deben inscribirse na Aula CeMIT da súa localidade.
Obradoiro sobre robótica
Entre as cousas concretas que vai achegar o programa para a rapazada, atópase o obradoiro Robótica para tod@, que mestura algoritmos e linguaxes co funcionamento de distintos robots. “A actividade iniciará ás nenas e nenos de 9 a 16 anos na programación dun xeito entretido”, segundo informan o CPEIG e AMTEGA, explicando que na actividade empregarase un Mbot, un robot comercial que dispón das ferramentas precisas para mergullar ás nenas e nenos nos segredos e nas potencialidades da robótica, dunha maneira lúdica, “xa que presenta o resultados dun xeito diferente”.
A actividade consistirá en superar mini-retos, cada un dos cales, unha vez resoltos, instruirá ao alumno nun algoritmo distinto de programación. Os participantes iniciaranse na programación por bloques, aprendendo o ciclo da vida do software, os condicionais, as variábeis e os algoritmos. “Coñecerán tamén as partes do robot e a función que desenvolven, condutividade e circuítos eléctricos cando constrúan o control remoto do MBot, ademais de debuxar, recortar e pegar o control do robot”, engaden as entidades organizadoras.
Nestas xornadas de difusión tecnolóxica sobre robótica tamén se inclúe a actividade MBot Segueliñas, onde se fará que o robot siga a liña dun circuíto, co alumnado competindo para ver que cousas fan ir máis rápido a máquina. Deste xeito, “aprenderán o ciclo da vida do software e os condicionais”, sinalan o CPEIG e máis AMTEGA.
Amais, xogarase cun MBot radiocontrol, construído un mando a distancia para controlalo coma se fose un coche de radiocontrol. Aprenderán eventos, electricidade e comunicación sen fíos e, finalmente, achegaráselles a actividade MBot Labirinto, construíndo un pequeno labirinto para ser percorrido polo MBot e axudalo a atopar a saída.
Circuítos de habilidades na pilotaxe de drons
O segundo dos obradoiros será sobre drons, no cal os rapaces aprenderán conceptos básicos de teoremas de Pitágoras e trigonometría, ademais de adquirir habilidades cognitivas visuais. Os nenos e nenas de 9 a 16 anos aprenderán a integrar a programación co mundo dos drons. A actividade constará de dous retos. No primeiro deles, os rapaces e rapazas iniciaranse no mundo dos vehículos aéreos non tripulados, creando un circuíto onde adestrarán as súas habilidades na pilotaxe destas aeronaves. Comezarán coñecendo que é un dron, por que voa, que partes ten, e despois pilotaranos. Unha vez iniciados nisto, probarán unhas gafas FPV para “sentir a velocidade vendo o que ve un coche teledirixido con cámara incluída”, explican as entidades organizadoras, engadindo que “para as máis habilidosas e habilidosos que cheguen a dominar o dron e mailo coche, probarán a pilotaxe FPV nun vehículo aéreo remoto”.
Na segunda parte da actividade, programarán un aparello voado e por medio dunha programación por bloques, converterano nunha aeronave non tripulada e autónoma. Por medio de Scratch, empregando un dron especial chamado Tello” executarán un programa feito polo CPEIG.

PUBLICIDADE