Teclado sen fíos con touchpad multi-táctil

mércores, 10 de xuño do 2009 Marcus Fernández

A tecnoloxía multi-táctil non é só unha innovación para as pantallas dos teléfonos móbiles, senón que tamén pode aplicarse aos touchpads dos portátiles de Apple e agora tamén a case calquera PC ao que se conecte o teclado sen fíos que venden en Brando por 69 dólares (49 euros).

Este delgado teclado que mide 425 x 153 x 18 milímetros e pesa 462 gramos, ten 87 teclas normais e 18 teclas de atallo, pero destaca especialmente por incluír un Smart TouchPad, unha área multi-táctil que pode utilizarse tanto como teclado numérico como para facer xestos que permitan ampliar o tamaño dunha imaxe, moverse entre distintas fiestras, rotar imaxes, simular a tecla central dun rato, desprazarse horizontal ou verticalmente por un documento, acceder á páxina anterior ou á seguinte… toda unha serie de posibilidades que agradecerán os que manexen o PC a unha certa distancia ou, simplemente, prefiran prescindir do rato.
O teclado comunícase a través da radiofrecuencia (na banda dos 2,4 GHz) cun receptor USB, polo que non precisa que o noso equipo teñan Bluetooth para funcionar. É compatible con Windows XP/Vista, aínda que non con Mac OS X (o que resulta curioso, por estar as súas prestacións habitualmente presentes en equipos portátiles de Apple).

PUBLICIDADE