Tecnoloxía de posicionamento en interiores desenvolvida no CITIC implantarase en As Cancelas

luns, 1 de decembro do 2014 Redacción

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC), impulsado pola Universidade dá Coruña (UDC) presentará o vindeiro mércores no Centro Comercial As Cancelas, primeiro espazo en implantar o piloto, a aplicación LocYu Parking, un sistema de recordatorio da praza de aparcadoiro en interiores que actualmente xa conta con versións para iOS e para Android.
LocYu Parking é unha aplicación que, instalada no dispositivo móbil do cliente, memoriza automaticamente a praza na que se aparcou o vehículo e, ao solicitalo, mostra a ruta máis curta e de doado acceso (atendendo a variables como a idade, eivas físicas, embarazo, etc.) para chegar a ela.

Carlos J. Escudero presentou a tecnoloxía de LocYu hai uns meses nunha sesión demostrativa no CITIC

O produto fai uso da tecnoloxía Bluetooth LE para a detección automática e resulta especialmente práctico en grandes superficies con aparcadoiros subterráneos, onde non chega o sinal do GPS e non se dispón de cobertura móbil.
Na presentación intervirán Manuel F. González Penedo, coordinador do CITIC, Carlos J. Escudero, Investigador da Área de Sistemas de Comunicacións Sen Fíos do CITIC (quen o pasado verán presentou a tecnoloxía de LocYu nunha sesión demostrativa no CITIC), Juan Martínez, director da Área de Desenvolvemento en Plexus, e Abraham Castro Cano, xerente de As Cancelas.

O aparcadoiro de As Cancelas será o primeiro en gozar da tecnoloxía de LocYu Parking

PUBLICIDADE