Tecnópole redobra esforzos para aumentar a presenza de rapazas en carreiras STEM
martes, 11 de febreiro do 2025
O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) é unha das entidades impulsoras do proxecto Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (a APTE, da que forma parte, precisamente a Tecnópole de Ourense). O propósito desta iniciativa é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas), debido a que a súa presenza nestas materias segue a ser baixa.
No marco deste proxecto e coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a Tecnópole vai celebrar dúas xornadas, a primeira este venres, 14 de febreiro, e a segunda o 21 de febreiro, dirixidas a alumnado de Secundaria. Participarán en actividades que lles achegarán a ciencia e a tecnoloxía “de xeito práctico e lúdico, contribuíndo a derrubar falsos estereotipos sobre profesións que tradicionalmente foron adscritas ao público masculino”. Os obradoiros impartiraos Patricia Barciela, directora técnica da Domus - Museos Científicos Coruñeses.
Á rapazada proporáselle un divertido e educativo xogo inspirado na flor nonmesquezas, símbolo da memoria, para descubrir as científicas que marcaron a historia. Cada participante ou parella percorrerá un taboleiro, resolvendo enigmas e adiviñas. Por cada enigma resolto, recibirán un token, unha pequena ilustración adaptada ás linguaxes visuais actuais. “É un xeito de visibilizar figuras históricas esquecidas, como as nosas mulleres científicas, promovendo unha comprensión máis diversa e inclusiva da ciencia”, adianta Barciela.
Nestas xornadas convidarase a mulleres que traballan no eido da ciencia e a tecnoloxía, que relatarán a súa experiencia persoal, explicando por que decidiron elixir unha carreira STEM e cal foi a súa aplicación no mercado laboral. A finalidade é que o alumnado teña a oportunidade de descubrir as novas posibilidades que lles poden abrir estas disciplinas. Intervirán Marta Otero, doutora en Ciencias Físicas que traballa como técnica de I+D no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, situado en Tecnópole; e Esther Merlo, enxeñeira de Montes, con dúas décadas de experiencia no eido da investigación científica e a innovación tecnolóxica no sector forestal e da madeira, fundadora, directora e responsable do departamento de Innovación Tecnolóxica da empresa Madera Plus, con sede tamén en Tecnópole.
Aos rapaces e rapazas presentaránselles algunhas problemáticas relacionadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel que expón a Axenda 2030 de Nacións Unidas. Son retos vencellados coa saúde e o benestar, a igualdade de xénero, a enerxía accesíbel e non contaminante, a acción polo clima… A finalidade é que deseñen un proxecto que sirva como solución a un problema concreto, de cara a crear un mundo mellor para 2030. Unha vez rematada a xornada, o alumnado traballará por grupos nos seus respectivos centros e enviará a súa proposta en formato vídeo a Tecnópole, e a solución elixida participará nun concurso nacional que se celebrará en Madrid en abril.
As mozas e mozos participantes recibirán a guía Que quero ser de maior?, na que se recollen as saídas profesionais de diversas carreiras científicas e tecnolóxicas, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual. Entregaráselles tamén a guía Que son as tecnoloxías disruptivas?, que busca visibilizar algunhas das novas tecnoloxías que xa están a revolucionar o mundo (como a cadea de bloques, a análise de datos a gran escala, a Intelixencia Artificial, a 5G, a ciberseguridade ou a computación cuántica) e as súas posíbeis saídas profesionais.
O alumnado poderá visitar a exposición Mulleres que cambiaron o mundo, protagonizada por mulleres relevantes no eido da ciencia e a tecnoloxía que deixaron a súa pegada ao longo da historia.