Teimas impulsa un software para a optimización de ecoparques e puntos verdes, Teixo GP

xoves, 12 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Teimas, a empresa compostelá responsábel (xunto cos Concellos de Compostela, Lugo, Ames, Redondela e Porriño) da comunidade Tropa Verde, está a impulsar un software para ecoparques e puntos verdes: unha ferramenta que lles axude a garantir o seu óptimo funcionamento e a cumprir, tamén, cunha normativa cada vez máis ampla e esixente en materia de xestión de refugallos, tanto en España como en Europa. E máis se temos en conta que este tipo de contornas green teñen na súa contra estar emprazadas localizacións afastadas, sen Internet e sen telefonía e moi suxeitas a situacións de vandalismo. Tendo en conta isto, Teimas Desenvolvemento lanzou un novo produto ao mercado, deseñado especialmente para o uso en puntos limpos: Teixo GP.
Trátase dun software de uso sinxelo para o rexistro de entradas en ecoparques “de maneira áxil” e que ofrece varias alternativas de uso: por aplicación móbil (con dispositivo móbil e impresora de tickets compacta, conectados por Bluetooth) ou mediante aplicación táctil de sobremesa (o dispositivo integra unha consola con pantalla táctil,impresora de tickets e lector de DNI).
Segundo informa Teimas, ambas as aplicacións poden operar sen conexión a Internet e, cando teñen conexión, permiten o envío das entradas rexistradas ao software na nube que unifica e agrupa a información e permite a xeración de informes e a consulta do arquivo cronolóxico. “Por medio de Teixo GP e o seu acceso web, o titular do punto verde ou o explotador da instalación poderá cumprir a normativa e obter informes operativos e estatísticas fiábeis”, engaden dende Teimas, explicando que o software foi concibido para ser integrado con outras ferramentas, por exemplo, para enviar datos a outras ferramentas de informes e seguimento, realizar reducións de taxa ou fomentar políticas de incentivos (como a devandita plataforma Tropa Verde).
A día de hoxe Teixo GP xa está operativo nun número importante de puntos limpos de distintas cidades. Quen queira máis información pode solicitala en info@teixogp.com ou procurala na web www.teixogp.com.

PUBLICIDADE