Teimas lanza Zero Spring Release 2024, a versión mellorada do seu software de control de residuos
martes, 21 de maio do 2024
A empresa galega Teimas, especializada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para a xestión profesional de residuos e a economía circular, vén de lanzar Zero Spring Release 2024, unha nova versión do seu software Zero co que as grandes empresas melloran a xestión dos seus residuos.
“Con Zero Spring Release 2024”, explican fontes da firma galega, “as corporacións poden, entre outras cousas, cumprir coas actuais normativas de sustentabilidade ambiental, incluír información correspondente aos residuos que entran na empresa e, ademais, xestionar toda a documentación legal de residuos en toda a Península Ibérica (España e Portugal)”.
Sen dúbida entre os puntos máis destacados atópase a posibilidade que teñen as grandes compañías de incluír información correspondente aos residuos que entran no seu seo. “Esta novidade resulta de especial interese para aquelas compañías que queren incorporar os residuos nos seus procesos produtivos”, explica Cristina Vázquez, directora executiva (CEO) de Teimas, quen, a modo de exemplo, indica que “unha corporación que produce carburantes e pensa producir biodiesel, agora pode rexistrar en Zero os aceites residuais que recibe e que son materia prima esencial na produción deste combustíbel”.
Zero Spring Release 2024 é compatíbel con outras plataformas e arquivos o que facilita que as empresas dispoñan, nun único lugar, de toda a información sobre a xestión dos seus residuos. Isto, á súa vez, “permite a consulta histórica de datos e a creación de informes”, destacan tamén dende Teimas, salientando ademais que a plataforma pon o foco no control dos movementos dos residuos xerados, o que posibilita certificar a súa rastrexabilidade.
Outra das vantaxes que ofrece Teimas ás grandes compañías é que Zero está adaptado ao mercado portugués, polo que as empresas internacionais que operan no país poden cumprir coas normativas da Axencia Portuguesa do Ambiente (APA). Así, explican, as empresas que trasladan residuos en Portugal e operan con Zero, poden emitir a eGAR (Guía Eletronica de Acompanhamento de Resíduos), documento electrónico que acompaña a todos os traslados de residuos (RP e RNP) e, grazas a esta nova actualización, tamén poderán xestionar a presentación do MIRR (Mapa Integrado de Rexistro de Residuos), documento que esixe o Goberno para rexistrar todos os residuos xerados no país, o seu tratamento e quen é as empresas implicadas na súa xestión ao longo dun ano natural.
Así, Zero posibilita a xestión de documentación legal de residuos en toda a Península a través das plataformas electrónicas gobernamentais, as plataformas autonómicas, a plataforma ministerial E-sir (España) e a plataforma Siliamb (Portugal).
Actualmente, Teimas traballa con máis de 990 instalacións xestoras de residuos, máis de 20.000 puntos de produción de residuos, e, o software Zero, é utilizado por máis de 30 multinacionais de sectores tan diversos como téxtil, alimentación, enerxía ou combustíbeis.