Teimas leva a Bélxica o seu software Zero para a xestión de residuos
martes, 14 de novembro do 2023
- Peter Bogman, responsable da oficina de Bélxica
A empresa
galega Teimas, con sede en Compostela e centrada en
desenvolver solucións tecnolóxicas para a xestión profesional de
residuos e a economía circular, vén de anunciar a súa chegada a
Bélxica co fin de impulsar a dixitalización da cadea de valor de
residuos nas grandes corporacións do país, a través do seu
software Zero, máis en concreto a súa versión Zero Autumn Release
2023.
Que é Zero? Pois é unha plataforma cloud que permite
agrupar toda a información de residuos nun único lugar, consultar
un histórico de datos de maneira segura e crear os informes precisos
para a preparación de inspeccións, auditorías e memorias de
sustentabilidade. Alén de mellorar o fluxo de información entre os
distintos actores da cadea de valor do residuo (empresa, provedores, recicladores...),
facilita o cumprimento da normativa ambiental, reduce custos de
xestión de residuos e permite avanzar nas estratexias de economía
circular corporativas.
Teimas pretende expandirse por Europa, o primeiro paso deste plan de
internacionalización é Bélxica. Á fronte da oficina de Bélxica
atópase Peter Bogman, quen conta cunha ampla experiencia en
consultoría e desenvolvemento de negocio en grandes corporacións.
Deste xeito, a empresa compostelá chega ao país co obxectivo de
achegar a súa experiencia de máis de 15 anos en dixitalización da xestión de residuos para impulsar a mentalidade cero desperdicio e colaborar en estratexias
corporativas de sustentabilidade, a través das súas solucións
tecnolóxicas.
A xeito de curiosidade dicir que o software Zero de Teimas xa está
presente en grandes corporacións como Repsol, Iberdrola, EDP,
Naturgy, CEPSA, amais de Telefónica, Damm, Porcelanosa, Rede
Eléctrica,American Tower España, Synerlab, Eiffage, Lantania e
Alvac, entre outras.
Para rematar, engadir que a compañía Teimas presentará a última
versión do seu software Zero na FeiraWind Europe EoLIS, que se
celebrará o 22 e 23 de novembro, en Rotterdam (Países Baixos).