Telecomunicación de Vigo convoca a segunda edición do seu microconcurso literario

mércores, 26 de abril do 2017 Redacción

A Biblioteca da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus de Vigo vén de convocar no Facebook a segunda edición do seu certame literario, un concurso que salienta por dúas cousas fundamentais: primeiro, por non abrollar especificamente dun ambiente literario no sentido estrito da palabra (cousa dobremente meritoria) e, segundo, por estar concibido para ser desenvolvido integramente nas redes. Isto último non só atinxe ao espazo de publicación das creacións senón tamén ás características que se esixen ás propostas que se presenten: que non vaian alén do que podería ser unha mensaxe común en Facebook ou Twitter. Máis polo miúdo, a extensión máxima dos textos que se presenten á II edición do Microconcurso de poemas será de cincuenta palabras. Para esta segunda convocatoria a organización decidiu apostar de cheo pola poesía, tendo en conta que o 21 de marzo celebrouse esta expresión artística a nivel internacional.
Na pasada edición participaron no concurso 22 textos, resultando gañadora a proposta do profesor da escola de EE de Telecomunicación Artemio Mojón, unha peza en clave humorística que foi elixida polos propios usuarios da biblioteca do centro cun 23% dos votos. Nesta nova convocatoria a Biblioteca conta coa colaboración da Área de Normalización Lingüística, que fornece o material gráfico, da Biblioteca Universitaria, que pon os diplomas para os gañadores, e a Escola de Enxeñería de Telecomunicación, que subministra o premio, un kit de desenvolvemento en Raspberry Pi 3, escollido para “motivar aos estudantes de Telecomunicación e a todos aos que lles gusta a informática.
Para todos e todas os que queiran participar, o textos deben ser en lingua galega, con temática libre e unha extensión máxima de 50 palabras. O prazo para presentar as obras xa está aberto e remata o 30 de abril. Cada participante poderá presentar cantos textos queira e poderán participar todos os membros da comunidade universitaria, agás o persoal da biblioteca. Unha vez recibidos os textos, exporanse na biblioteca da escola do 2 ao 16 de maio, para que sexan os propios usuarios e usuarias os que se encarguen de elixir o gañador desta nova edición. O 18 de maio darase a coñecer o gañador ou gañadora.

PUBLICIDADE