Telefónica Tech lanza unha plataforma de IAX para crear asistentes virtuais personalizábeis

martes, 28 de xaneiro do 2025 S. P.

Co comezo do ano Telefónica Tech deu un novo paso dirixido a expandir o uso da Intelixencia Artificial no mundo empresarial. En concreto, a compañía tecnolóxica lanzou ao mercado a plataforma Telefónica Tech GenAI Platform, dirixida a axudar ás organizacións para crear asistentes virtuais personalizábeis con capacidade para “resolver consultas complexas, automatizar tarefas repetitivas e optimizar procesos internos a través dunha interface clara e intuitiva”, sinalou a operadora nun comunicado.
A plataforma, creada con Altostratus part of Telefónica Tech, non require configuracións complexas e ofrece aos clientes acceso ás versións máis avanzadas dos principais grandes modelos de linguaxe (Large Language Models – LLMs), achegando, en palabras da compañía, “potencia, adaptabilidade e flexibilidade sen comprometer o control da información (esta estará na infraestrutura do cliente)”.
Telefónica Tech GenAI Platform pode ser usada por múltiples usuarios de forma simultánea e unha dos seus principais características é a ampla colección de centos de ferramentas coas que se pode integrar (repositorios de información, ferramentas de comunicación e aplicacións empresariais...).
Telefónica salienta tamén que a plataforma permite ás organizacións mellorar a atención ao cliente, anticiparse a tendencias grazas á análise avanzada de datos e aumentar a produtividade en áreas clave como a xestión de recursos humanos ou a planificación financeira. “Isto libera tempo e recursos para que estas poidan centrarse en actividades estratéxicas que impulsen o crecemento do negocio”, destaca a operadora.
Elena Gil Lizasoain, directora de IA e Data de Telefónica Tech para España e América, asegura que “esta nova plataforma nace coa vocación de impulsar o uso da IA Xenerativa (IAX) en todo tipo de organizacións, con independencia do tamaño e do nivel técnico dos usuarios, e popularizar o uso dos asistentes virtuais personalizados para transformar os negocios e facelos máis eficientes e resilientes”.
A plataforma é ademais compatíbel coa tecnoloxía de diferentes hiperescalares, e as súas capacidades intégranse e operan coa tecnoloxía do cliente. Tamén permite a conexión a través APIs, adaptándose ás necesidades específicas de cada empresa para a execución de accións ou procesos.
Ademais, cumpre coas políticas e procesos de goberno do dato, garantindo a conexión segura con diferentes repositorios de datos, e está deseñada para cumprir co Regulamento europeo de Intelixencia Artificial (RIA) e rexerse polas leis ou regulacións específicas de cada país ou rexión.