Telefónica achega cobertura 5G en 278 municipios cubrindo máis do 94% da poboación

martes, 28 de outubro do 2025 S. P.

Telefónica fixo balance da súa presenza en Galicia en materia de 5G, un ámbito tecnolóxico no que, segundo informou a operadora, é “líder consolidada”. A compañía fixo saber que este servizo chega xa a un total de 278 concellos, o que supón ofrecelo a máis do 94% da poboación.
Esta cobertura 5G da operadora é posible grazas á despregadura de nodos (que poden dar cobertura a varios municipios) por toda a xeografía galega nas dúas principais bandas nas que actualmente opera o 5G en España (banda de 3.500 MHz e 700 MHz).
Telefónica lembra que tamén ostenta “o liderado” na 5G ou de altas prestacións (3.500 MHz), con nodos activos en preto de 157 municipios (igualmente cada nodo pode servir 5G en distintas localidades).
Esta banda dispón de velocidades ultrarrápidas (máis de 2Gbps) e moi baixa latencia, o que permite unha mellor experiencia móbil, con descargas case instantáneas, streaming de alta calidade, ademais dunha rede máis robusta sobre a que despregar prestacións avanzadas para ofrecer os mellores servizos 5G tanto a usuarios particulares como empresariais.
Telefónica completa a súa cobertura 5G coa despregadura de nodos na banda de 700 MHz en 270 municipios. Esta banda reforza o 5G en edificios e en superficies extensas, o que se traduce nun servizo máis amplo en zonas rurais, estradas e interiores.
Despregadura 5G en España
No conxunto de España, a compañía tamén mantén a súa primeira posición en cobertura 5G, cunha despregadura acada a un total de 5.700 municipios e que se traduce en que máis do 94% da poboación poida gozar deste servizo. En total, despregou 5.000 nodos por toda a xeografía nacional, de 5G ou de altas prestacións en preto de 3.000 municipios e, en 5.000 localidades, na banda de 700 MHz -1.000 máis que no primeiro trimestre deste ano en ambas as bandas-.
Telefónica destaca neste punto pola súa rede 5G Stand Alone (5G SA), de xeito que os 5.700 municipios que contan con 5G da operadora, xa sexa a través da banda de 700 MHz, da de 3.500 MHz ou en ámbalas dúas, “ofrecen máximas prestacións especialmente útiles para as empresas”, sinala a operadora, engadindo que a 5G SA potencia as capacidades do 5G ao empregala en toda a infraestrutura de rede, “o que implica maiores velocidades de datos, menor latencia e permite facilitar a implantación de funcionalidades como o Network Slicing ou o Edge Computing, que son de gran relevancia en sectores como a industria ou a loxística (portos ou transporte por estrada) e en servizos públicos como a atención ao cidadán (Cidades Intelixentes)”.