Telefónica achega fibra óptica ás centrais ourensás de Sobrado do Bispo e Pipileira

xoves, 12 de abril do 2018 Redacción

Un recanto de Sobrado do Bispo visto co Google Street View

Ao abeiro do proceso de transformación dixital de toda a súa rede en España, a operadora Telefónica vén de informar do remate da conversión a fibra óptica das centrais ourensás de Sobrado do Bispo (Barbadás) e Pipileira (concello de Piñor), na contorna de Ourense. Isto significa, en palabras da compañía, que toda a antiga rede de cobre destas dúas centrais substitúese por fibra óptica, o que implica que os máis dun milleiro de usuarios conectados ao dito equipamento reemprazado poderán gozar agora “da ampla gama de servizos ligados á tecnoloxía de última xeración de Telefónica”.
A empresa tamén lembra que a fibra permitirá a estes clientes ourensáns ir incrementando a súa banda larga nos vindeiros anos, “a medida que a progresiva dixitalización das actividades particulares e empresariais así o esixa”. Trátase, en definitiva, do cambio dunha infraestrutura, a do cobre, que leva operativa en España desde fai uns 90 anos, e que agora se substitúe pola de fibra óptica para dar resposta ás demandas do futuro.

PUBLICIDADE