Telefónica desenvolverá a nova transición dixital da CRTVG

venres, 17 de febreiro do 2017 Redacción

Telefónica dará soporte á Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) na produción e emisión de contidos dixitais durante os vindeiros 6 anos, tras resultar adxudicataria recentemente do concurso convocado para a renovación da plataforma de produción dixital.
Telefónica de España en estreita alianza con Telefónica Servizos Audiovisuais (TSA), a empresa do grupo Telefónica especializada en ofrecer servizos e solucións para o sector audiovisual, será a encargada de integrar a nova tecnoloxía dixital nas instalacións de CRTVG. Ocuparase tamén do seu mantemento e da subministración de equipos completos de cámaras de captación de novas, así como da dixitalización de ao redor de 1.500 horas de imaxes do arquivo histórico da Televisión de Galicia.
O proceso de implementación, de gran dimensión e complexidade técnica, abrangue todos os elos da cadea de produción televisiva (redacción de informativos e programas e delegacións territoriais, sistemas de edición, documentación e arquivo…) e supón un profundo cambio no actual modelo de traballo. Permitirá a adaptación do ente público aos cambios xurdidos no sector nos últimos anos, coa irrupción da televisión conectada a Internet, as segundas pantallas ou o uso das redes sociais para acceder e compartir contidos multimedia.
O primeiro ano de traballo destinarase á posta en marcha do novo sistema dixital, cuxo principal obxectivo é avanzar na transformación tecnolóxica da Corporación, facilitando así o seu labor informativo ao dotar aos traballadores de novos instrumentos que axilicen o acceso á información, permitan a compartición instantánea de materiais audiovisuais e garantan a preservación dos fondos documentais.
Trátase dunha plataforma de produción dixital de alto rendemento e gran fiabilidade técnica, dotada con mecanismos de redundancia e seguridade de datos, e que se integrará de forma estrutural en todas as áreas da Televisión de Galicia, tráfico de materiais, xestor de contidos da web corporativa, etc.-.
A súa solución de almacenamento destaca pola súa compatibilidade con diferentes sistemas de edición, xestión, distribución, arquivado e emisión de contidos multimedia, como NCRS, PAM, MAM, e suporá tamén melloras na organización de recursos, automatización de contidos, redución dos tempos de traballo ou xestión de permisos.
TSA encargarase tamén de formar a máis de 700 profesionais da Corporación no manexo dos novos programas, a través dun completo programa formativo.

PUBLICIDADE