Telefónica despregou xa 250.000 quilómetros de fibra óptica na nosa terra
xoves, 7 de marzo do 2013

- Manuel Alonso, director de Telefónica en Galicia
Máis fibra óptica cara
aos fogares galegos. Así se podería resumir o máis recente paquete
de novidades en relación á nosa terra presentado pola operadora
Telefónica da man
do principal representante da compañía na nosa terra, o director da
división galega Manuel Alonso, quen fixo saber este xoves 7 de marzo
ante os medios que a devandita achega extra de fibra óptica responde
a un plan estratéxico da operadora por intensificar a presenza de
FTTH (Fiber To The
Home). O despregamento, engadiu, comezará polas principais
cidades, e en Vigo, onde se inaugurou o FTTH galego hai tres anos (no
polígono de Navia), beneficiará “a boa parte do centro
urbano”. Estas operacións na cidade olívica responden
a un proxecto “cuxos detalles estanse a ultimar estes días e
que será presentado polo alcalde, Abel Caballero, a vindeira
semana”, subliñou. A liña de
traballo proseguirá nos principais polígonos, seguindo o ronsel do
desenvolvido en Lugo (O Ceao) e Vigo (Caramuxo). Alonso aproveitou
para facer reconto do despregado xa pola súa empresa na nosa terra:
uns 250.000 quilómetros de fibra óptica, sobre todo entre as súas
centrais e as estacións base.
Telefónica
tamén informou do estado de
cousas acerca de achega xeral de tecnoloxía 3G na nosa xeografía,
proceso que segundo a operadora culminará este ano co fornecemento
deste servizo a 11.349 novos núcleos do rural galego. Segundo
recordou Alonso, estas dotacións de estruturas insírense no Plan de
Extensión de Banda Larga no rural, promovido pola Xunta de Galicia a
través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, e no que “Telefónica investiría ao final do proceso,
en decembro deste ano, un total de 64
millóns de euros, dos cales 15 son achegados pola administración
autonómica”, informou. Este plan, engadiu, “beneficia xa
a 250.000 habitantes do rural galego, e nel utilizouse tecnoloxía 3G
na banda de 900 Mhz, con gran penetración en zonas complexas dende
o punto de vista orográfico e que é quen de
acadar ata 7 mbps de velocidade”.
Este
fornecemento de tecnoloxía está a ser complementado, por parte de
Telefónica, con iniciativas de divulgación e alfabetización
dixital (como a xira Roadshow Movistar Galicia,
que percorreu xa 34 vilas galegas con vistas a acadar a cifra de 82)
ou de mellora dos servizos de atención ao cliente, cousa que
implicaría o garantemento da
comunicación en galego cos seus clientes e un meirande contacto coa
realidade do país. “De
feito”, sinalou Alonso, “na Coruña sitúase un dos
centros de atención ao cliente máis grandes de España, Eurocen,
onde nos últimos meses incrementouse progresivamente o persoal por
efecto da carga de traballo da Compañía, ata alcanzar os máis de
1.000 traballadores”.
Telefónica fixo saber,
tamén, que o investimento total na nosa terra foi de 608,6 millóns
de euros nos últimos cinco anos, acadándose en 2012 os 2,2 millóns
de accesos e manténdose, neste intre, 494 puntos de venda e canles
especialistas. Ademais, dixo, emprega de forma directa a 1.420
persoas (o 37,1% delas, mulleres) e máis de 2.000 de forma
indirecta. Asemade, en 2012 efectuou compras por valor de 26,5
millóns de euros a 31 empresas galegas. “Todo iso no seu
conxunto”, explicou Alonso, “fixo que en 2012 a súa
actividade supuxera o 1,3% do PIB galego”.
