Telefónica devolveu a conectividade a 236 poboacións españolas afectadas polos incendios deste verán

mércores, 17 de setembro do 2025 S. P.

Telefónica fixo balance da actividade desenvolvida pola operadora este verán para achegar servizo nas zonas afectadas polos lumes forestais. Segundo fixo saber, o labor da área de Operacións de Telefónica España posibilitou este verán o restablecemento das comunicacións nas 8 provincias españolas máis afectadas polos incendios: Ourense, Asturias, León, Zamora, Navarra, Cáceres, Badaxoz e Almería.
Para recuperar os servizos fixo e móbil nesas zonas, a compañía despregou máis de 300 quilómetros de cable de fibra dentro de todo o traballo realizado para devolver a conectividade ás 236 poboacións afectadas, grazas a un operativo que implicou a mobilización de máis de 200 técnicos para garantir o servizo á poboación.
Telefónica explica no balance que o operativo desenvolveuse en coordinación coas distintas administracións ademais das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, “que permitiron o traballo de Telefónica nas condicións de seguridade necesarias” e que nos momentos de maior afectación e a fin de garantir a conectividade da poboación ante os avances dos incendios, “optamos pola recolocación de unidades móbiles segundo as necesidades da zona e en coordinación coa Garda Civil e as Administracións Públicas”.
Para atender as necesidades prioritarias dos centros de emerxencias e sanitarios, así como dos centros de atención continuada de cada zona afectada, empregáronse tamén mochilas satelitais que serviron para reforzar a conectividade móbil. Noutros puntos, foron as conexións sen fíos dos radioenlaces de emerxencia as que dotaron de conectividade á poboación mentres o incendio seguía activo.
Ademais, para asegurar o servizo nos momentos de maior afectación, Telefónica chegou a mobilizar un total de 6 unidades móbiles, 10 grupos electróxenos, así como camións e furgonetas, ademais dunha decena de vehículos 4x4. Así, os máis de 200 técnicos desprazados da compañía puideron acceder aos municipios e reparar as infraestruturas que quedaron afectadas polo lume.
En canto aos labores de recuperación, Telefónica destaca “a complexidade dos traballos dos técnicos da compañía durante os incendios múltiples acaecidos na zona oriental da provincia de Ourense”. E engádese: “Pola súa duración, extensión e os cambios de vento, as tarefas para establecer as devanditas conexións de emerxencia e coordinar todos os dispositivos requiridos foron especialmente difíciles de asumir, así, tívose que optar en determinados momentos por tender cables de fibra cos incendios activos para asegurar conectividade crítica en hospitais e poboacións máis importantes, aínda que nalgúns casos os recentemente tendidos volveron a queimarse”.
No balance explícase tamén que en setembro, un dos últimos puntos afectados polos incendios nos que Telefónica restableceu o servizo foi a estación base en Portilla de la Reina, na montaña oriental leonesa. “Nesta poboación, cunha conectividade condicionada pola complexidade do acceso para a recuperación do servizo, foi necesario repoñer máis de 7 quilómetros de novo cable e utilizar vehículos especiais para acceder á estación e ao radioenlace que quedaran calcinados”, informou a operadora, engadindo que os incendios forestais deste verán supuxeron “un reto importante para todos os actores implicados”.