Telefónica e Cruz Vermella lanzan unha campaña conxunta de solidariedade ante o COVID-19

luns, 23 de marzo do 2020 Redacción

Co fin de achegar máis recursos para loitar contra o avance do COVID-19, a Fundación Telefónica e a Cruz Vermella lanzaron unha iniciativa conxunta, a campaña #Sumafuerzas, que, como indica o seu nome, é unha proposta para sumar apoios económicos e materiais para botar unha man ás persoas en risco ante a pandemia. A iniciativa, enmarcada no plan Cruz Vermella Responde, arrinca cunha doazón por parte de Fundación Telefónica de 500.000 euros, 250.000 euros para espazos de confinamento para persoas sen fogar, e outros 250.000 para bens básicos para persoas vulnerábeis. Trátase da maior mobilización de persoas e recursos da historia da ONG. Búscase animar a actores sociais e empresariais a colaborar no que xa chaman “unha crise sen precedentes”.
Á dita doazón económica da operadora únese, ao abeiro de #SumaFuerzas, unha campaña de doazóns que Fundación Telefónica lanzou entre os seus empregados e que está aberta a calquera persoa que queira contribuír economicamente Os fondos obtidos destinaranse á entrega de bens básicos a nivel domiciliario ou noutros espazos de confinamento a persoas en situación de especial vulnerabilidade ou ás autoridades xestoras destes espazos.
Así mesmo, Fundación Telefónica pon a disposición de Cruz Vermella aos seus 13.000 Voluntarios Telefónica de España para o desenvolvemento de tarefas de atención virtual, telefónica ou dixital, e o desenvolvemento conxunto de campañas solidarias ao servizo das necesidades que vaian xurdindo nas vindeiras semanas.
O plan de colaboración entre ambas as organizacións tamén aborda necesidades formativas dos colectivos aos que se dirixe Cruz Vermella. Con esta obxectivo Fundación Telefónica ofrece a plataforma Conecta Emprego, con 20 cursos online gratuítos nas competencias dixitais máis demandadas polo mercado laboral, entre outros Nanogrado Construción 4.0 (alianza con CEOE), Xestión de proxectos con metodoloxías áxiles, Mercadotecnia dixital, Introdución á programación, Analítica web, Habilidades para o emprego, Machine Learning, ou Growth hacking.
No ámbito escolar, ofrece as súas dúas plataformas de formación docente e de competencias STEAM con máis de 600 contidos formativos: Scolartic e STEMbyme.

PUBLICIDADE