Telefónica e Microsoft premian aos mestres máis innovadores

mércores, 21 de xaneiro do 2009 Raquel Noya

Anoop Gupta entrega o premio en recoñecemento da traxectoria en innovación educativa a José Antonio Blesa

A Fundación Telefónica e Microsoft Ibérica veñen de entregar os premios aos gañadores da edición 2008 do certame Un Tablet PC para a mellor Unidade Didáctica, que por quinto ano consecutivo organizaron ambas compañías en colaboración con HP.
O obxectivo desta iniciativa é recoñecer, promover e premiar o labor do profesorado que intenta aplicar e aproveitar as novas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) no seu traballo diario de clase.
O certame ten lugar no marco do programa Profesores Innovadores, unha comunidade virtual dentro do portal EducaRed, desenvolvida en colaboración con Microsoft, que supón un punto de encontro e colaboración entre os docentes que aplican as TIC na súa actividade profesional.
Os membros de Profesores Innovadores expoñen os seus traballos na web, compartindo a súa experiencia co resto de docentes, o que lles permite crear un amplo repositorio de material para o ensino e a aprendizaxe, tanto curricular como extracurricular, que medra día a día.

Fernando Martín, José Antonio Blesa, Javier Nadal, Susana Cantalapiedra, Anoop Gupta, Antonio Muñoz e Salvador Cayón

Dende a súa posta en funcionamento no ano 2005, Profesores Innovadores foise convertindo nunha plataforma educativa de obrigada consulta que foi aumentando de xeito progresivo o seu número de visitas ao mes, chegando na actualidade ás 200.000 e a un millón de páxinas vistas.
Nesta edición, o xurado concedeu catro premios consistentes nun Tablet PC de última xeración para o primeiro e segundo clasificados e nun teléfono móbil con GPS, ofrecidos por HP, para os do terceiro e cuarto posto.
Asemade, tódolos participantes recibiron produtos TIC avanzados e Microsoft entregoulle un galardón especial como recoñecemento á traxectoria en innovación educativa a José Antonio Blesa, docente aragonés que viu a necesidade de levar as TIC ás aulas fai anos.
Os traballos premiados foron os seguintes:
- Operacións con fraccións, de Antonio Muñoz Germán.
- Beethoven, sóache a música?, de Susana Cantalapiedra González.
- Os cántabros, de Óscar Barquín Ruiz.
- Os ecosistemas, de María Dolores Ibáñez.

PUBLICIDADE