Telefónica encara o verán en Galicia reforzando a súa rede móbil en 42 destinos e máis de 100 eventos
martes, 15 de xullo do 2025
Telefónica fixo un reconto da actividade destinada a reforzar a súa rede móbil este verán en Galicia, un reconto no que a operadora ten identificados 80 municipios galegos de gran atracción turística, tanto de costa como de interior, nos que durante a época estival prodúcese un aumento significativo de visitantes.
Segundo informa a empresa no balance, todos estes concellos contan con 5G, e mesmo 50 deles con 5G de altas prestacións na banda de 3.500 MHz, pero aínda así a compañía realizou accións especiais de reforzo en 42 deses municipios (34 de costa e 8 no interior), “co obxectivo de garantir a adecuada resposta ao aumento de demanda de voz e datos que se produce durante estas semanas”.
Ademais deste reforzo en zonas de gran atracción turística como Sanxenxo, Vilagarcía, Baiona, Viveiro, Burela, Foz, Ortigueira, Muxía, Carballo ou Carballiño, entre outras, mellorouse tamén a cobertura en 102 eventos que se celebraron ou que se van celebrar nas vindeiras semanas en diversos puntos da xeografía galega, como poden ser Arde Lucus en Lugo, O Marisquiño de Vigo, a Romaría Viquinga de Catoira, o Festival Portamérica, a Festa da Peregrina de Pontevedra, o Silfest de Valdeorras, a Festa do Polbo do Carballiño, o Festival Son Rías Baixas de Bueu, o Atlantic Fest de Vilagarcía de Arousa, a Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña ou a Festa do Albariño de Cambados.
Reforzo en España
No conxunto de España. Telefónica reforzou a súa despregadura 5G para as datas estivais cun plan de acción para o verán que abrangue un total de 481 municipios con elevada afluencia de visitantes, tanto de costa como de interior, dos cales 347 contan con 5G de altas prestacións (banda de 3.500 MHz).
En canto ás zonas costeiras, Telefónica ampliou a súa despregadura 5G ata chegar a 425 municipios de todo o litoral e das illas de moi diverso tamaño, afianzando así a súa capilaridade por España ao chegar tanto a pequenos municipios de menos de 1.000 habitantes como a outros moito máis grandes con ata 5.000 habitantes.
