Telefónica encara o verán en Galicia reforzando a súa rede móbil en 49 destinos turísticos

luns, 22 de xullo do 2024 S. P.

Telefónica fixo balance dos seus traballos para fortalecer a rede móbil da operadora na nosa terra durante esta tempada estival, poñendo o foco nos destinos turísticos e nos grandes eventos. A través deste plan (plan verán 5G) desenvolvido pola empresa nos municipios turísticos de Galicia onde está presente a tecnoloxía 5G (un total de 73) da operadora, Telefónica realizou accións especiais de reforzo en 49 deles (43 de costa e 6 no interior), co obxecto de aumentar a capacidade da rede grazas a unhas instalacións que ademais permanecerán tras o verán.
Ademais do reforzo en zonas de gran afluencia turística como Sanxenxo, Vilagarcía, Baiona, Viveiro, Burela, Foz, Ortigueira, Muxía, Carballo ou Carballiño, entre outras, mellorouse tamén a cobertura en máis de 60 eventos que se celebraron ou que se van celebrar nas próximas semanas en diversos puntos da xeografía galega, como poden ser Arde Lucus, as festas de San Xoán en municipios como A Coruña, Vigo ou Santa Comba, o festival Portamérica, o Silfest de Valdeorras, o Atlantic Fest de Vilagarcía de Arousa, a Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña ou Festa do Albariño de Cambados.
En España, dos 445 municipios turísticos nos que xa está presente o 5G de Telefónica, a compañía realizou accións especiais de reforzo para este verán nun total de 401 (320 no litoral e 81 en interior), mentres se reforzaron a cobertura nun total de 576 eventos que se celebran durante a época estival en toda España, tanto mediante o fortalecemento da rede como do desprazamento dun total de 103 unidades móbiles temporais.