Telefónica gaña o concurso convocado polo Concello para a transformación dixital da Coruña

mércores, 25 de maio do 2022 S. P.

Finalmente será a operadora Telefónica España a empresa encargada de levar a cabo o proxecto de transformación dixital impulsado polo Concello, dotado con 5,3 millóns de euros e cun prazo de desenvolvemento e execución de cinco anos. A operadora terá, entre outros, o cometido de achegar servizos optimizados de telefonía fixa e móbil, a migración a telefonía IP de máis de 1.700 extensións e o subministro de servizos avanzados de telecomunicación para a Policía Local, o 010 ou os Bombeiros da Coruña. Tamén fornecerá solucións de vangarda en materia de ciberseguridade, servizos na nube, redes sen fíos (Wi-Fi) ou centros de atención.
En palabras de Telefónica, “esta transformación mellorará exponencialmente a interacción dixital cos cidadáns e sentará unhas sólidas bases tecnolóxicas para o desenvolvemento futuro de servizos dixitais”.
Para o desenvolvemento e execución deste plan de transformación dixital, Telefónica España contará con provedores internacionais do talle de Aruba, Azure, Fortinet, Google, Palo Alto ou Mitel.
Segundo explica a directora de Telefónica en Galicia, Paula Beirán, “A Coruña, cos seus 240.000 habitantes e o seu gran centro urbano, é unha cidade moi importante, e por iso os equipos da nosa compañía implicáronse enormemente para desenvolver un proxecto que non só dese solucións á demanda de servizos actuais, senón que sentase os alicerces para os novos servizos que sen dúbida irán aparecendo nos próximos anos. Estamos moi satisfeitos coa oportunidade que se nos brinda para percorrer este camiño ilusionante da man do excelente equipo técnico do Concello da Coruña”.

PUBLICIDADE