Telefónica implantan en Ourense e Pontevedra unha solución para supervisar vías de tren con 5G e drons
xoves, 26 de novembro do 2020
Telefónica
anunciou esta semana a
implantación en Ourense e Pontevedra dunha solución de inspección
en remoto das vías ferroviarias con 5G e drons que se converte,
en palabras da operadora, “na primeira experiencia de voo máis aló
da liña de vista do piloto de vehículos aéreos non tripulados con
tecnoloxía 5G para inspección de infraestruturas”.
Este
caso de uso, desenvolvido en colaboración con Ineco, Adif e Huawei,
é un dos proxectos gañadores da primeira convocatoria de axudas ao
desenvolvemento do 5G do Ministerio de Asuntos Económicos e
Transformación Dixital, cofinanciado por Red.es con fondos FEDER. A
súa finalidade é “dixitalizar as tarefas de inspección de
infraestruturas ferroviarias para facelas de forma máis eficiente”.
En
concreto, o servizo permite pilotar en remoto un dron equipado con
cámaras de alta resolución e un módem 5G para recoller as imaxes
das vías férreas de Adif ao seu paso polas localidades de Barra do
Miño (Ourense), Os Peares (Ourense) e Filgueira (Pontevedra) e
transmitilas en tempo real grazas ás características da nova
tecnoloxía do estándar móbil. Así mesmo, estas imaxes son
procesadas con Intelixencia Artificial (IA) o que permite a
automatización da inspección da vía. Para facer posíbel este
sistema, equipáronse con cobertura 5G dous traxectos ferroviarios
duns 10 quilómetros de lonxitude cada un (os traxectos Monforte de
Lemos-Ourense e Ourense-Guillarei) e equipouse un dron con
conectividade 5G e varias cámaras: unha de visión 360 graos, outra
para a inspección con resolución 4K e un potente zoom, e unha
terceira para a pilotaxe remota. Telefónica
mostrou o resultado da experiencia nun audiovisual que está
dispoñíbel en liña.