Telefónica incrementa a presenza da súa fibra óptica nos núcleos de Outes

mércores, 24 de febreiro do 2021 S. P.

O Concello de Outes vén de dar conta dos traballos que se están a realizar no termo municipal para dotar ás parroquias de máis e mellor cobertura de telecomunicacións, concretamente da tecnoloxía de fibra óptica até o fogar (FTTH polas súas siglas en inglés), un recurso clave para mellorar a comunicación dos fogares e das empresas (amais das posibilidades da veciñanza para teleformarse, teletraballar e acceder a todo tipo de contidos). Os traballos, que se están a levar a cabo pola operadora Telefónica, veñen de achegar fibra aos lugares de Catasueiro, Áspera e Viro, que estarán os vindeiros días en disposición de sacar o máximo rendemento á dita tecnoloxía.
O plan de fornecemento seguirá coas obras de Villardigo, Cuns e Lagoa.
Por outra banda, o Concello engadiu que os problemas de conexión na rúa da Capela, na Serra de Outes, tamén están sendo solucionados co que o servizo poderá ser efectivo proximamente.
O Goberno local lembra ás veciñas e veciños que teñen á súa disposición, online, un mapa onde poden consultar as previsións de despregue nos distintos lugares do termo municipal.

PUBLICIDADE